Noticias

Apoio ás familias este curso no que por primeira vez a matrícula universitaria é gratuita

O conselleiro de Educación visita a libraría Escolma na cidade de Pontevedra e confirma que "Somos a única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é de balde, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP". Román Rodríguez detallou "a ampla batería de medidas en Galicia para facilitar a volta ás aulas aos fogares e promover a igualdade de oportunidades". Blíndanse as axudas para libros de texto e material escolar, un modelo do que se benefician 7 de cada 10 alumnos e que aforra máis de 100M euros ás familias.

Na visita á libraría Escolma, de Pontevedra, o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou o reforzo do apoio da Xunta ás familias no inicio do curso escolar xa que "o Goberno galego conta cunha batería de medidas grazas ás que se facilita a volta ás aulas aos fogares e se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino". Inclúen tanto a matrícula universitaria gratuíta, que se estrea por primeira vez este ano académico, como as axudas para a adquisición de libros de texto e de material, a conxelación dos prezos dos comedores ou o préstamo de ordenadores, detallou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que este é o primeiro ano no que a Administración autonómica facilita a matrícula universitaria sen custo ao longo de toda a carreira, unha medida pioneira cun aforro medio de 3.000 euros por fillo. "Isto convértenos na única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é de balde, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP!, afirmou.

Así mesmo, o Goberno galego blinda o programa para o acceso a libros de texto e material, un modelo que, xunto co libro dixital de préstamo tamén gratuíto, beneficia a sete de cada 10 alumnos e supón un aforro de 100M euros aos fogares. No caso do material consolídanse os dous vales, de 75 e 60euros, en función da renda. Ademais, hai axudas de entre 160 e 300 euros para a compra de manuais nos cursos nos que estes non son reutilizables, é dicir, para os alumnos dos dous primeiros cursos de Primaria, os de Educación Especial e para aqueles con necesidades específicas de apoio educativo.

A maiores, o Fondo solidario conta este curso con máis de 400.000 libros, que se repartirán en réxime de préstamo entre o alumnado desde 3º de Primaria a 4º de ESO. "A Xunta fixo un investimento de máis de 25M euros nos dous últimos anos na adquisición destes manuais para ceder aos alumnos gratuitamente, logo de que o Goberno central cambiase a lei educativa e os anteriores xa non servisen", sinalou Román Rodríguez.

Transporte escolar gratuíto
O conselleiro recordou, ademais, que o servizo de transporte escolar é totalmente gratuíto e que Galicia conta cun dos servizos de comedor máis equitativos, de tal forma que o 80% de usuarios dos comedores da Xunta teñen o servizo de balde ou pagan só 1 euro. Este servizo volverá a ter os prezos conxelados, polo que a Consellería asume o incremento do custo dos alimentos e a enerxía para que non repercuta nas familias.

"Galicia quere seguir sendo unha das comunidades que maiores facilidades ofrece aos alumnos e ás súas familias para acceder ao ensino e para adquirir material educativo, polo que seguiremos traballando para consolidade un modelo equitativo, universal e aberto", recalcou o conselleiro na súa visita á libraría pontevedresa.

R., 2024-08-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES