Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Claustro de San Francisco acolle, o xoves e o venres desta semana, a sétima edición de 'Danza no Claustro', unha proposta escénica exclusiva na que artistas internacionais e locais habitarán este espazo gótico, e compartindo os seus coñecementos e experiencia. Organizado por Erick Jiménez e Maruxa Salas (Solodos) e coa colaboración da Concellería de Cultura, os espectáculos serán ás 20:30 horas con acceso aberto e gratuíto. En total, son sete as compañías que participarán no Danza no Claustro 2019. Proveñen de España, Portugal, México e Costa Rica, e entre elas cómpre salientar as estreas de Humedales, de Fran Martínez, e de Fronteras y Mujeres, de Peace of Mind e Pájaro Mosca, ou Ephimero, obra gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018.
A nova edición do ciclo musical Música no Camiño levará á praza de Praterías de Santiago de Compostela 20 actuacións musicais ata o mes de agosto, a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma.
Hoxe foi presentado no Instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, en representación da Xunta de Galicia; o director do Instituto Antonio Fraguas, Carlos Encisa; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; Carolina Martínez en representación da familia de Antonio Fraguas, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, unha exposición itinerante, composta por doce paneis e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos do libro.
As obras formarán parte de 'Galicia, un relato no mundo', a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno. Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente.
Odaiko e Compañía N+1 protagonizan as dúas estreas absolutas de Galicia Escena PRO, que poderán verse mañá en Santiago dentro do programa de exhibición da sétima edición do mercado galego das artes escénicas. A formación madrileña Rotura Producciones e as galegas La Macana e A Quinta do Cuadrante completan a carteleira da terceira xornada deste encontro, que organizan a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega. A xornada rematará na sala Riquela Club coa terceira e última Noitescena PRO, que ofrece un programa musical sorpresa do que poderán gozar todos os acreditados.
O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves. O Hotel Costa Vella será o escenario onde se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo.
O programa deste ano articúlase arredor da exhibición dos 20 espectáculos en cartel, entre os que se atopan dúas estreas absolutas e outras dúas montaxes de teatro de rúa, e unha programación exclusivamente profesional que inclúe unha sesión de pitching de proxectos e varios momentos pensados especificamente para favorecer o networking, como os novos Cafescena e Noitescena PRO. E como en anos anteriores, o público terá a oportunidade de gozar destas propostas de xeito gratuíto. Ademais, este ano Galicia Escena PRO farase sentir nas rúas coa representación de OhLimpiadas!, da compañía galega Sincronacidas, na praza de Cervantes, e de Femmes, da vasca Hortzmuga Teatroa, na Quintana.
Tivo lugar en Tui o concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense. O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos, ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros. No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais de Galicia.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso actúan este sábado 8 no encontro SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que arranca hoxe na capital de España. Ambos ofrecerán cadanseu showcase no Impact Hub Piamonte, onde se presentarán baixo a marca GalicianTunes On Tour diante dun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación de 11 países: Arxentina, Chile, Colombia, Corea, Emiratos Árabes, EE.UU., Holanda, México, Noruega, Reino Unido e Suíza. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid inaugúrase esta noite no Costello Club e a súa actividade continuará ata o sábado en diferentes espazos da cidade.
« Anterior | 98  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Coincidindo co ano do 25 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco que se conmemorou en 2018, a Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando a exposición O Camiño de Santiago debuxado, que permanece no Museo das Peregrinacións e de Santiago da capital galega durante este mes de xaneiro.
A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase con textos de María Yáñez, Brais Romero, Cibrán Tenreiro e fotos de Tamara de la Fuente en formato revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, de Lugo.
O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, ten nesta última fin de semana do ano un calendario especialmente intenso. Entre este venres e o domingo, 21 localidades galegas acollerán concertos e actividades musicais, obradoiros e sesións de teatro. Destacan no programa Lucía Pérez, A Banda da Loba ou os irmáns Bolechas.
O profesor, xornalista e investigador galego Fernando Redondo Neira (Boqueixón, 1971) fíxose coa XVIII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra Os amorodos de Bergman. Está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia.
O Complexo artístico Regal Xunqueira, en Viveiro, acollerá este venres 21 de decembro, ás 20:00 h. unha das presentacións da Axenda Feminista 2019 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicada ás artistas visuais galegas. Este ano a axenda tráenos a obra, o discurso e a traxectoria de 12 mulleres do panorama artístico galego contemporáneo.
Froito de máis de vinte anos de traballo, o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. En versión trilingüe galego-español-inglés, o Arquivo pode consultarse de maneira libre.
Xa está na Casa de Galicia en Valladolid a exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Tras o traxecto desde Las Palmas de Gran Canaria, a exposición xa superou o 16.000 quilómetros percorridos por España e Portugal.
A Deputación de Ourense inaugurou no centro cultural "Marcos Valcárcel" a exposición "Arte privada en Ourense", unha mostra única que reúne por primeira vez obras de destacados artistas europeos dos séculos XVI ao XX, que pon en valor o prestixio do coleccionismo ourensán, a través de importantes figuras do retrato, a paisaxe, o costumismo e a vangarda.
Trote, a primeira longametraxe do realizador galego Xacio Baño, estréase mañá venres nas salas de cinema tras o seu paso polos festivais internacionais de Locarno, en Suíza, e de San Sebastián. O filme, producido pola compañía galega Frida Films, chega agora ao circuíto comercial como parte da carteleira dunha ducia de cines galegos e doutros sete do resto de España.
O escritor e xornalista Manuel Guisande presentará este xoves 13, ás 20 h, no semisótano restaurante do Corte inglés da Coruña, a segunda parte do libro 'Cómo somos os galegos?, depende', un total de cincuentas relatos humorísticos sobre o galego. O acto correrá a cargo do xornalista radiofónico Pablo Portables e durante o mesmo, Guisande preparou unha sorpresa surrealista para os asistentes á que denomina Romaría urbana.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES