Notas de prensa

Xa dispoñible o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), con 4.500 documentos e 80.000 imaxes

Froito de máis de vinte anos de traballo, o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. En versión trilingüe galego-español-inglés, o Arquivo pode consultarse de maneira libre.

O fondo bibliográfico e documental do GIVIUS, que constitúe a orixe e soporte do Arquivo Dixital Valle-Inclán, é produto da adquisición paulatina das obras do autor publicadas en vida —hoxe na Biblioteca da USC—, e da persistente indagación hemerográfica en bibliotecas locais, estatais e internacionais, que permitiron recompilar una extensa tipoloxía de material textual, iconográfico e gráfico, fundamental para reconstruír e documentar episodios biográficos de Ramón del Valle-Inclán, o seu pensamento estético e político, o peculiar proceso de escritura e publicación das súas obras, así como trazar a traxectoria e posición da produción valleinclaniana no campo literario do seu tempo.

No acto de presentación, que presidiu o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, interviñeron a profesora Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán USC e do grupo de investigación que dende 1994 traballa no proxecto; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; a xestora do Archivo Digital Valle-Inclán, Carmen Vílchez; o director do CESGA, Manuel Mauro Fernández; a profesora da Universidade da Coruña e membro do Grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD), Ángeles Saavedra Places; e María José Malmierca, do CESGA.

Arquivo dixital de autor

O modelo de arquivo dixital de autor empregado deseñouse para analizar a complexa obra de Valle-Inclán, que describe a produción do escritor vilanovés e permite reconstruír tanto a secuencia creativa dun texto como a súa múltiple rede de relacións profesionais e artísticas. A sistematización e explotación dese vasto corpus requiría a posta en marcha dunha base de datos e o desenvolvemento dunha ferramenta web que permitise a catalogación, visualización, consulta e exportación da información, algo posible grazas ao traballo do grupo Enxenio-LBD da Universidade da Coruña e do Cesga, onde se aloxa o Arquivo Dixital. O LBD atesoura unha ampla experiencia na creación de bases de datos e sistemas de información así como de bibliotecas dixitais e recuperación da información no campo específico das Humanidades. Precisamente o auxe das humanidades dixitais foi posto en valor polo vicerreitor Pérez Muñuzuri, que avanzou que se trata “dunha das liñas estratéxicas en investigación da USC”.

A directora do grupo Valle-Inclán fixo no acto un relatorio secuencial do proxecto dende os seus inicios. “Cando nos reunimos coa empresa Enxenio-LBD e nos preguntaron que era o que queríamos conseguir coa arquivo respondémoslles cun “todo”, contou. E, en efecto, “agora calquera persoa interesada poderá gozar coa iconografía ou as ilustracións, baixar as obras orixinais, importar citas textuais para traballos de investigación, achar os xornalistas que o entrevistaron, os ilustradores dos seus libros, os artistas que o retrataron, as institucións e os organismos que frecuentou, os xornais onde publicou…”, explicou a profesora Santos. “En definitiva –dixo- o noso obxectivo é devolverlle á sociedade o que nos prestou con fondos públicos”.

O Arquivo non é, por tanto, simplemente un repositorio ou biblioteca dixital da obra do escritor, senón que constitúe un potente recurso de investigación grazas ao modelado de datos e ao buscador avanzado implementado, que permite, entre outras posibilidades, obter nunha consulta a historia textual dunha obra, rastrexar concordancias ou o visualizar a rede de máis de 2.000 suxeitos tecida polo escritor cos axentes e organismos consignados.

Amplo equipo

O equipo interdisciplinar que levou a cabo o deseño e construción do Arquivo foi dirixido no ámbito académico por Margarita Santos Zas e integrado por Rosario Mascato Rei, Francisca Martínez Rodríguez e Carmen E. Vílchez Ruiz, quen, ademais, realizou os labores de coordinación co equipo informático do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña dirixido por Ángeles Saavedra Places e Eduardo Rodríguez López. No ámbito académico tamén foi fundamental o traballo de procura, compilación e sistematización do fondo documental desenvolvido por Javier Serrano Alonso.

O Arquivo Dixital Valle-Inclán é unha realidade grazas ao financiamento dun Proxecto de Investigación do MICINN e ás axudas concedidas ao GIVIUS en dúas convocatorias consecutivas do programa Grupos de Consolidación e Estructuración de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia.

Universidade de Santiago de Compostela, 2018-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES