Notas de prensa

'Nadal en Rede' celebra as festas en galego en máis de vinte concellos

O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, ten nesta última fin de semana do ano un calendario especialmente intenso. Entre este venres e o domingo, 21 localidades galegas acollerán concertos e actividades musicais, obradoiros e sesións de teatro. Destacan no programa Lucía Pérez, A Banda da Loba ou os irmáns Bolechas.

Os encargados de encher de propostas as axendas municipais propias destas datas son a cantante galega máis eurovisiva, Lucía Pérez, a empresa xogueteira Brazolinda, as voces femininas da Banda da Loba, os irmáns Bolechas, Baobab Teatro e os coñecidos temas de Suso Vaamonde sobre textos de Pura e Dora Vázquez, aínda que tamén haberá obradoiros e outras actuacións puntuais.

Lucía Pérez estará o sábado no Castelo de Castro Caldelas (19,30 horas) e o domingo no no Auditorio Municipal da Cañiza (19,00 horas). A coñecida cantante repasará coa súa voz textos de autores como Celso Emilio, Neira Vilas ou Rosalía.

A empresa de xogos en galego Brazolinda ofrece esta fin de semana unha serie de obradoiros destinados a familias con nenos e nenas de entre 3 e 10 anos. O venres estarán en Oroso (Centro Cultural Casas e Novoa, 17,00 horas) e o sábado en Caldas de Reis (Biblioteca Martínez Ferro, 11,00 horas). O domingo a cita é en Arteixo (Carpa Praza do Balneario, 11,30 horas).

Tamén dentro do Nadal en Rede, a Banda da Loba, o grupo revelación deste ano que remata, estará esta fin de semana co Nadal en Rede en Fene (venres, Salón de Actos da ACRD O Pote de Maniños, 20,30 horas) e no Porriño (sábado, Carpa do Roxi, 20,30 horas).

A compañía de teatro Baobab levará o seu Puño Puñete a cantar e contar en galego coas familias con cativada ata 7 anos este sábado, 29 de decembro, a Bueu (Centro Social do Mar, 12,00 horas) e a Melide (Casa da Cultura, 18,30 horas).

Senén Vaamonde e dous dos compoñentes da formación A Roda, Alfredo e Manuel, ofrecerán un concerto didáctico (Dúas picariñas ourensáns) que inclúe panxoliñas e outros textos de Pura e Dora Vázquez musicados no seu día por Suso Vaamonde. A primeira parada desta fin de semana será o venres en Dodro (Casa da Cultura, 10,30 horas). Tamén ese mesmo día poderá verse este espectáculo en Pontecesures (Centro Social, 17,00 horas). O sábado, Senén Vaamonde estará en Toén (Salón de Actos de Moreiras, 16,00 horas) e o domingo en Taboada (Antigo Cuartel, 17,00 horas).

Outro obradoiro que terá esta fin de semana unha presenza especial é o que leva o nome de Mulleres que contan, unha homenaxe ás nosas escritoras. O taller, destinado a mozos e mozas de 12 anos en diante estará mañá, venres 28, no Pereiro de Aguiar (Pavillón Municipal, 12,00 horas) e en Avión (Centro Multifuncional, 18,00 horas). O sábado 29 o obradoiro estará en Ortigueira (Biblioteca Municipal, 12,00 horas) e en Fisterra (Casa do Concello, 18,00 horas). O domingo 30 a cita é na Pontenova (Casa da Cultura, 17,00 horas).

Pero tamén haberá espazo para outras actividades. Así, mañá, venres 28, a Fundación Pondal de Ponteceso acolle, ás 17,00 horas, o obradoiro Os avós e as avoas como transmisores de lingua e cultura. O sábado 29, a localidade de Mondariz-Balneario (Casa do Concello, 19,00 horas) acollerá o concerto Cantos de Amor, da soprano Victoria Álvarez e o pianista Vicente Castro. Por último, Os Bolechas estarán o domingo 30 en Vimianzo (Casa da Cultura, 18,30 horas) coas súa última proposta (Nadal no Polo Norte).

Nadal en Rede, 2018-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES