Noticias

A segunda xornada de Galicia Escena Pro aborda os protocolos da exhibición teatral para a infancia no seu primeiro 'Cafescena'

O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves. O Hotel Costa Vella será o escenario onde se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo.

O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves baixo a organización da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega.

O Hotel Costa Vella será o escenario onde, ás 16,00 h., se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo, que agrupa compañías de artes escénicas de toda España especializadas nestes públicos. O seu obxectivo é garantir que este tipo de espectáculos cheguen do mellor xeito posible os seus principais destinatarios, tendo en conta cuestións como a limitación da capacidade, a difusión das idades recomendadas, as condicións de recepción, o fomento da contratación ou a colaboración de especialistas que impulsen as relacións teatro-escola e teatro-familia, ademais do traballo de formación de públicos.

María Torres, da compañía Elefante Elegante, será a encargada de moderar este primeiro Cafescena, para o que se contará coas achegas de Agustín Lorenzo, do ciclo Todo Público da Coruña; Xacobe Rodríguez, dos Domingos do Principal de Pontevedra, e Andrea Bayer e Artur Trillo, das compañías Baobab Teatro e Talía Teatro, respectivamente, ambas asociadas a Te Veo.

Espectáculos abertos ao público

En canto á carteleira de exhibición de espectáculos de Galicia Escena PRO, que como en anos anteriores se abre de xeito gratuíto ao público xeral, a xornada de mañá condensa a ampla variedade de estilos e compañías que conforman a oferta deste sétima edición. A actividade arrancará ás 11,00 h. na Fundación SGAE con El inolvidable viaje de Nana, montaxe de teatro infantil recomendado para idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. A compañía cántabra Café de las Artes Teatro aborda o ciclo da vida a través da historia dunha futura nai que, durante os nove meses de embarazo, ten a sensación de ter subido a un globo aerostático e camiñar polo aire.

Esta formación preséntase en Galicia Escena PRO grazas ao intercambio con Camiño Escena Norte, proxecto promovido polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenaAsturias, Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (Acepae) e Eskena do País Vasco para o desenvolvemento de itinerarios culturais compartidos entre as catro comunidades do norte peninsular.

Teatro na praza de Cervantes

No marco desta mesma colaboración e tamén mañá, a compañía vasca Hortzmuga Teatroa sorprenderá o público que se achegue ás 17,30 h. á praza de Cervantes, onde representará a súa comedia Femmes, espectáculo de rúa construído como un canto reivindicativo de tres octoxenarias.

Antes, ás 12,30 h., terá lugar na Fundación SGAE o pase de Deixa de tocala, Sam, resultado do primeiro encontro escénico entre a creadora AveLina Pérez e o pianista e artista multidiscilinar Velpister. Botando man do humor acedo, esta proposta percorre unha paisaxe humana e moi recoñecible.

A xornada de mañá presenta tamén Dúas donas que bailan, última produción de Teatro do Atlántico, unha das compañías históricas da escena profesional galega. Xúlio Lago dirixe esta adaptación da obra de Josep M. Benet i Jornet que levan a escena María Barcala e Mª Ángeles Iglesias na pel de dúas mulleres, de xeracións e procedencias diferentes, unidas polas circunstancias e polos embates da sociedade na que lles toca vivir. Esta montaxe poderá verse ás 19,30 h. no Teatro Principal.

A última función de mañá terá lugar ás 22,30 h. no Salón Teatro e correrá a cargo de Diego M. Buceta coa peza de danza contemporánea As vacación máis longas, o seu primeiro traballo en solitario. Con el foi recoñecido co premio á mellor interpretación no Certame M2 da última edición do Festival FIOT de Carballo.

Ao igual que hoxe, a xornada rematará na sala Riquela Club cunha nova Noitescena PRO, que ofrece un programa musical sorpresa do que poderán gozar todos os acreditados nesta sétima edición do mercado galego de artes escénicas.

R., 2019-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES