Noticias

Os Resentidos tocarán no Gaiás o 21 de xuño para festexar o Día da Música

A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma.

Por este motivo, esta formación —enxerida na coñecida como a ‘movida viguesa’— converteuse nun referente para as novas xeracións de músicos do país e un dos grupos máis célebres fóra de Galicia, ata o punto de que Fai un sol de carallo foi un dos dous únicos discos en galego —xunto a Me llamo Andrés do Barro Lapique, de Andrés do Barro— incluídos no libro 201 discos para engancharse al pop/rock español, de Tito Lesende e Fernando Neira.

Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo, nas que se falaba da reconversión naval, do paro ou da crise dos sectores produtivos primarios de Galicia e que, moitas delas, manteñen a súa vixencia na actualidade. Así, Somos 29 na casa e estamos todos no paro de Economía sumerxida teñen máis de vinte anos, pero parecen inspiradas en titulares de xornais ou novas dos informativos.

Os Resentidos envolven toda esta indignación nunha peculiar fusión de rock, funk depresivo, rap, pop e folk cunha retranca intelixente, na que sempre hai convite para a festa. Precisamente, nos últimos oitenta a súa popularidade era tan grande e tan heteroxénea que alternaban as actuacións como gran atracción nas festas patronais das vilas galegas con presentacións nos máis selectos platós televisivos de Madrid. Hoxe en día moitos dos seus temas forman parte da listaxe de imprescindibles nas orquestras e nas verbenas actuais.

Todos estes temas, xunto a unha selección de novas composicións, vanse poder cantar e bailar o venres 21 de xuño, ao aire libre, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. A banda subirase ao escenario ás 21 horas, capitaneada polo seu histórico líder, Antón Reixa.

, 2019-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES