Noticias

Sete compañías internacionais de danza interactuarán en Ourense o xoves e o venres dentro do programa 'Danza no Claustro'

O Claustro de San Francisco acolle, o xoves e o venres desta semana, a sétima edición de 'Danza no Claustro', unha proposta escénica exclusiva na que artistas internacionais e locais habitarán este espazo gótico, e compartindo os seus coñecementos e experiencia. Organizado por Erick Jiménez e Maruxa Salas (Solodos) e coa colaboración da Concellería de Cultura, os espectáculos serán ás 20:30 horas con acceso aberto e gratuíto. En total, son sete as compañías que participarán no Danza no Claustro 2019. Proveñen de España, Portugal, México e Costa Rica, e entre elas cómpre salientar as estreas de Humedales, de Fran Martínez, e de Fronteras y Mujeres, de Peace of Mind e Pájaro Mosca, ou Ephimero, obra gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018.

De seguido, o programa para ambos días:

FRONTERAS Y MUJERES. Peace of Mind & Pájaro Mosca / España-México.
Coreógrafas e intérpretes: Paula Pérez Pinilla, Carmina Gimeno Latas, Noemi Sánchez Cárdenas e Elisa Medina Hudgins. Coproducen coas compañías Festival Trayectos Zaragoza e Sólodos En Danza.
Sinopse: Parte da necesidade de establecer unha conversación que porta como bandeiras o corpo e o territorio, utilizando como pista de arranque o traballo previo realizado por ambas as compañías referente á indagación de novos camiños que permitan actualizar conceptos tan variables, permeables e subxectivos, como o son as fronteiras mediante o seu cruzamento, ruptura ou reparación.

LOS OJOS ABIERTOS DE ELLA. Pájaro Mosca / México.
Coreógrafa e intérprete: Noemí Sánchez Cárdenas.
Sinopse: Exploración sobre a monstruosidade. Unha procura sobre a idea de como unha emoción toma corpo, ritmo e ton muscular, buscando chegar á coraxe real.

TONO. Pájaro Mosca / México.
Coreógrafa e intérprete: Elisa Medina Hudgins.
Sinopse: Tratamos o mundo, os obxectos e a xente do mundo en función da súa proximidade respecto de nós mesmos. A semellanza é unha ameaza á xerarquía.

EPHIMERO. Peace of Mind / España.
Peza gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018. Creadoras e intérpretes: Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas.
Sinopse: Os sentidos son a porta entre o ser humano e o exterior. Sen palabras, cando dúas persoas míranse aos ollos, establecen un cimento de confianza e comunicación. A través dos aromas, sons e o simple tacto, viaxamos cara a un mundo de recordos e sentimentos que nos van conectando, no transcurso da vida. Pensamentos fugaces submisos a un cronómetro que nos balancean entre o duradeiro e as agullas do efémero.

HUMEDALES. Fran Martínez / España.
Creación e interpretación: Fran Martínez. Apoios: Centro Cultural Conde Duque + Coreógrafos en Comunidad, Centro Danza Canal.
Sinopse: Os humidais son os meus orificios. Esvaradíos. Tranquilos. Quentes. A fronteira entre a carne quente e sanguenta e un mundo hermético. Todo é misterio para quen observa, para quen o seu obxecto de desexo non se satisfai con libros de anatomía. O dentro, todo escuridade, e o fóra, que de tan visible, indescifrable.

EM·NA. Colectivo Glovo / España-Portugal.
Coreógrafos e intérpretes: Hugo Pires Pereira e Esther Latorre Fernández.
Sinopse: "Somos vibración. Todo é vibración, e todo é impermanente, pois todo está en constante movemento. A nosa mente tamén é movemento, e o movemento necesita harmonía para crear eficiencia. Harmonía é ritmo. Aquel que sabe manipular a vibración pode transformar as cousas á súa ao redor."

PEDESTRES. Costa Rica / Gañadores Certame Sólodos En Danza Costa Rica 2019. Creación e interpretación: Lina Valverde e Camilo Regueyra.
Sinopse: Retrato da multitude en tránsito, collage paranoico de Chepe. En dous corpos conflúen todos aqueles que camiñan, a rúa e a cidade; móvense en xeometrías e ao ritmo da urbe; é tanta a acumulación de xestos simultáneos que se tornan extracotiáns.

R., 2019-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES