Actualidad de Cultura

Noticias cultura

LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019 no escenario da Praia de Riazor. O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O obxectivo do concurso foi fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local. Un xurado composto por cinco profesionais do mundo da música e socios da emisora Cuac FM valorou a calidade das distintas propostas.
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons de Labaq.
A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o himno galego. O evento busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
O 'Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia', volve encher esta fin de semana o complexo histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). Este encontro convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación coa música, a gastronomía e outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Entre o venres e o domingo 7 de xullo, en horario de 11:30 a 21:30, os visitantes poden achegarse aos 47 expositores de produtos gourmet, así como coñecer o traballo de 66 artesáns de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería ou a bixutería.
O Centro Coreográfico Galego (CCG) está a iniciar esta semana unha nova edición do seu programa de cursos de verán, que durante este mes de xullo e ata primeiros de agosto ofrecerá seis encontros formativos na súa sede da Coruña. Clásico, contemporáneo, musical jazz e tap dance son os catro estilos arredor dos que xiran os obradoiros deste ano, para os que a unidade de danza da Xunta de Galicia volve contar con recoñecidos profesionais no seu ámbito, como Carmen Paris, Ruth Maroto, David Mur, John O’Brien, Gonzalo Zaragoza, Virginia Valero e Ángela Rodríguez. Centrado en danza clásica para nivel medio e avanzado, o primeiro deles está a ser impartido esta semana por Carmen Paris.
SONS E SOÑOS é unha agrupación promovida pola Asociación Músico Crisanto, e sostida polos concellos lucenses de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, formada por preto dun centro de músicos que dirixe o profesor Armando Morales. A Banda é froito da Escola de música destes tres concellos -único caso en Galicia de responsabilidade municipal compartida- con máis de trinta profesores, que axiña se verá transformada en Conservatorio de música.
A Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, inaugurou no Instituto Cervantes de Nova York a exposición itinerante do fotógrafo Manuel Valcárcel The Way to Santiago, a contemporary experience of pilgrimage coa que a Xunta e Correos están a promover de xeito itinerante en varias cidades estadounidenses tanto o Xacobeo 2021 como os valores e riqueza da experiencia da peregrinación na Ruta Xacobea.
A elaboración da ECG21 baseouse nun proceso aberto e participativo que favorecese o debate propositivo e a fixación de liñas, obxectivos e medidas de actuación por parte dos profesionais e empresas culturais, das institucións, das entidades de base e do asociacionismo cultural, para desenvolver unha estratexia da cultura como servizo público, industria cultural e elemento de identidade e cohesión social. En concreto, 490 persoas interviñeron nas xuntanzas territoriais realizadas nas sete cidades galegas e nos oito grupos de traballo sectoriais que xiraron ao redor do Libro, o Audiovisual, as Artes escénicas, a Música no eido da difusión da cultura, a Música como Industria cultural, as Artes plásticas e visuais, o Patrimonio cultural e as Institucións culturais.
A Cidade da Cultura de Santiago programa para este 'Verán no Gaiás' un cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, acampadas, arte, obradoiros de artesanía, astronomía ou circo. A programación de estío da Cidade da Cultura para este ano ten como novidade a celebración de dous campamentos urbanos para a cativada ao redor das exposicións actuais do Museo Gaiás -Valor e mestría e Pensar coas mans- á vez que abre as portas a accións encadradas na programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, a residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos e as intervencións artísticas Reb/veladas na paisaxe terán pegada e perspectiva xacobea nas súas respectivas edicións.
As curtametraxes galegas serán obxecto dunha das sesións do Edimburgh International Film Festival, que arranca mañá na capital escocesa. En Edimburgo o vindeiro día 25 proxectarase unha escolma de seis curtas procedentes das últimas entregas do catálogo 'Shorts from Galicia'. Segundo indica o programa do propio festival, esta selección achegaralle ao público escocés una mostra de filmes xa exhibidos e mesmo premiados noutros prestixiosos certames internacionais, que desde a ficción ata o documental, pasando polo experimental, exploran as tradicións, os espazos urbanos e as paisaxes rurais, “demostrando que Galicia está á vangarda do cinema actual”.
« Anterior | 97  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

A adolescencia e o seu mundo protagonizan 'Los pavos trufados”', a última obra do escritor, filólogo e xornalista coruñés Vicente Araguas, un libro de relatos Casa de Galicia en Madrid. Nel Araguas “recupera a adolescencia, esa idade do pavo segundo o termo tan cruel”. Con 'Los pavos trufados', Vicente Araguas regresa á publicación de relatos para facer unha literaria homenaxe á adolescencia e ao seu mundo
A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio. Inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías para «lembrar e poñer en valor todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra», en palabras de Bieito Romero.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, unha actividade pensada para axudar a desenvolver o talento de novos valores na literatura galega. Os participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo servirá de ponte ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.
O Festival Noroeste Estrella Galicia continúa coa súa programación prolongada ao longo de todo o ano grazas á Selección Noroeste, o seu ciclo de directos singulares para padais exquisitos, que regresa neste comezo de 2019 con tres novos concertos para gozar das mellores bandas e artistas desde o patio de butacas.
Artistas, público, editoriais, institucións e librarías daranse cita a vindeira fin de semana na Feira de Edición e Libro Ilustrado (FëLiiC) e os encontros Open Miic que a Deputación da Coruña organiza como actividades paralelas á Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela.
O profesor ad honorem na Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC Max Jean Zins abordará este martes 22 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, a situación xeopolítica do subcontinente indio a no marco xornada de clausura do ciclo ‘Unha viaxe por España a través da India’, un programa de relatorios a través do que Max Jean Zins afondou sobre as semellanzas advertidas entre estes dous países, ao tempo que tratou outras problemáticas análogas en ambos territorios.
Este mércores o Ateneo de Santiago e Histagra Grupo de Investigación da USC presentarán o último ensaio publicado pola editorial Galaxia titulado Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, edición de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. O acto (19:30, sede de Afundación) contará coa participación dos Catedráticos de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares e Lourenzo Fernández Prieto.
A nova programación de artes escénicas de Santiago ofreceralle ao público compostelán 25 espectáculos, dos que 10 chegan á cidade a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de exhibición que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas entidades locais xestoras dos seus 40 espazos asociados.
Trinta e dous anos despois de deixar a súa terra natal, Carla volve ao seu pobo despois de ter conseguido unha existencia acorde á súa identidade e xénero. Durante o documental e o debate posterior a actriz e activista fará balance do camiño percorrido. O 19 de xaneiro terá lugar unha proxección organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co movemento LGTBI. O filme foi gañador do premio ao Mellor Documental nacional e internacional e Premio á mellor obra española en Lesgaicinemad 2014.
Afundación presenta en Ferrol a exposición fotográfica «Terras de salitre. Cristina Mittermeier», un percorrido polas zonas do mundo nas que o ser humano explota os recursos marítimos dunha forma respectuosa e sustentable realizado pola fotógrafa mexicana Cristina Mittermeier. A mostra, conformada por fotografías de Grenlandia, Hawai, India, Madagascar, Columbia, Abralhos, a Antártida e Galicia, inaugurarase o 24 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES