
Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará o concerto de presentación do novo traballo de Luar na Lubre, Ribeira Sacra, que se publicará o vindeiro 30 de maio. O concerto terá lugar o sábado 26 de xaneiro, a partir das 20.30 h, no Teatro Afundación de Vigo. As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.
A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.
Inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías para «lembrar e poñer en valor todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra», en palabras de Bieito Romero. «Esta gravación tocoume o corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra e, ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia en outubro de 2017, e o feito de estar nun territorio de tan alto valor natural fíxonos arrincar con moita tristeza». Ademais, o disco conta con ducias de colaboradores, desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral Ruada ou Nani García.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.