Noticias

O Centro Coreográfico Galego inicia unha nova edición dos seus cursos de verán con seis encontros ata agosto

O Centro Coreográfico Galego (CCG) está a iniciar esta semana unha nova edición do seu programa de cursos de verán, que durante este mes de xullo e ata primeiros de agosto ofrecerá seis encontros formativos na súa sede da Coruña. Clásico, contemporáneo, musical jazz e tap dance son os catro estilos arredor dos que xiran os obradoiros deste ano, para os que a unidade de danza da Xunta de Galicia volve contar con recoñecidos profesionais no seu ámbito, como Carmen Paris, Ruth Maroto, David Mur, John O’Brien, Gonzalo Zaragoza, Virginia Valero e Ángela Rodríguez. Centrado en danza clásica para nivel medio e avanzado, o primeiro deles está a ser impartido esta semana por Carmen Paris.

Carmen París é profesora do Conservatorio de Danza de Murcia e do grao en Danza da Universidad Católica de San Antonio de Murcia, ademais de autora dun Diccionario biográfico de danza.

A danza clásica será tamén o obxecto do curso que desenvolverán do 29 de xullo ao 2 de agosto Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do Conservatorio Superior María de Ávila de Madrid, e Virginia Valero, profesora de Metodoloxía e Didáctica da Danza Clásica neste mesmo centro, do que foi directora. Ambos son colaboradores habituais nas ofertas formativas do Centro Coreográfico Galego, dependente da Consellería de Cultura e Turismo e impartirán as súas clases en varias quendas, para traballar a técnica clásica e de puntas nos niveis medio e avanzado.

Pola súa banda, o estilo contemporáneo centrará outros dous dos encontros deste ano da man de Ruth Maroto e Ángela Rodríguez. A primeira delas, coreógrafa, bailarina e mestra convidada en numerosas entidades españolas e do resto de Europa, estará na Coruña do 11 ao 13 de xullo, mentres que Ángela Rodríguez, profesora especialista en danza contemporánea do María de Ávila, ofrecerá as súas clases do 29 de xullo ao 2 de agosto.

Musicais

En canto ao musical jazz, este programa de verán contará con David Mur do 15 ao 19 de xullo para compartir co alumnado a súa experiencia como coreógrafo, director e bailarín tanto en pezas clásicas como en numerosos musicais e galas televisivas. Na súa traxectoria figura, por exemplo, o seu labor como mestre dos bailaríns que levan a escena o personaxe protagonista na versión española do coñecido musical Billy Elliot.

Por último, o especialista en tap dance John O’Brien impartirá o seu curso do 22 ao 26 de xullo. El foi o responsable de devolver o claqué ao prime time da televisión española nun dos máis aplaudidos números musicais da gala de entrega dos Premios Goya de 2015. Na actualidade, é cantante protagonista de dous espectáculos propios, ambos os dous de jazz, nos que tamén baila tap acompañado pola súa orquestra e por un sexteto, respectivamente.

Dirixidos prioritariamente a profesionais e estudantes de danza, as persoas interesadas en asistir a cada un dos encontros deben inscribirse seguindo as indicacións recollidas na web do Centro Coreográfico Galego ata unha semana antes do comezo do curso correspondente. Habilítanse 20 prazas para cada unha das propostas ou niveis e o prezo da matrícula oscila entre os 40 e 50 euros, con descontos para o alumnado que opte por realizar varios cursos.

R., 2019-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES