
As curtametraxes galegas serán obxecto dunha das sesións do Edimburgh International Film Festival, que arranca mañá na capital escocesa. A Consellería de Cultura e Turismo, a través das Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), apoia esta presenza galega en Edimburgo, onde o vindeiro día 25 se proxectará unha escolma de seis curtas procedentes das últimas entregas do catálogo Shorts from Galicia, editado anualmente pola Xunta co obxectivo de difundir o talento galego neste ámbito cinematográfico.
Segundo indica o programa do propio festival, esta selección achegaralle ao público escocés una mostra de filmes xa exhibidos e mesmo premiados noutros prestixiosos certames internacionais, que desde a ficción ata o documental, pasando polo experimental, exploran as tradicións, os espazos urbanos e as paisaxes rurais, demostrando que Galicia está á vangarda do cinema actual.
Na sesión que terá lugar ás 20,45 h. (hora escocesa) na Edinburgh Filmhouse, participarán as directoras Sandra Sánchez, Diana Toucedo e Jaione Camborda para presentar os seus respectivos traballos, que son ademais estrea absoluta no Reino Unido: A nena azul, Homes e Rapa das bestas. As tres compartirán os procesos de realización destes títulos co público da 73ª edición do Festival de Edimburgo, que este ano pon o seu foco nas películas dirixidas por mulleres.
A sesión Shorts from Galicia incluirá, así mesmo, Matria, pola que Álvaro Gago recibiu en 2018 o gran premio do xurado do festival de Sundance na categoría de curtametraxes; A liña política, de Santos Díaz, e Fajr, de Lois Patiño.
Fundado en 1947, o Edinburgh International Film Festival eríxese como o certame de cinema máis antigo do mundo de todos os celebrados de xeito continuado. Nos últimos tempos, caracterízase fundamentalmente pola súa aposta polos novos talentos cinematográficos e por propoñer foros de debate arredor das novas tendencias do audiovisual.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.