A fascinación polo océano é o fío condutor de vida e obra de Cristina Mittermeier. Graduada en Enxeñería Bioquímica de Ciencias Mariñas, decidiu deixar a súa carreira como enxeñeira para converterse nunha defensora dos mares e a biodiversidade a través da fotografía, a mellor ferramenta para conectar emocionalmente co público, promover cambios e defender a natureza. En «Terras de salitre» Mittermeier retrata aquelas zonas pesqueiras que conseguiron manter o difícil equilibrio entre vivir dos recursos marítimos e conservalos. Entre elas atópase Galicia, zona que visitou o pasado mes de setembro de 2017 cun percorrido que a levou pola Guarda, Baiona, Moaña, Noia e a Costa da Morte.
Desde hai anos, Mittermeier comparte proxectos e vida con Paul Nicklen, recoñecido fotógrafo de National Geographic, xunto a quen creou a organización Sea Legacy para concienciar sobre o respecto aos océanos mediante as súas fotografías. As súas imaxes foron publicadas en revistas con Time e National Geographic, recibiu o Premio da Misión da NANPA e o Premio ao Fotógrafo da Conservación Smithsonian no 2010. No 2016 foi galardoada co Imaging Award for Photographers who Give Back. Ademais, é membro da World Photographic Academy e recentemente foi recoñecida como unha das 40 fotógrafas máis influentes do mundo pola revista Outdoor.
No marco desta mostra, a Obra Social de ABANCA ofrece aos centros escolares a posibilidade de asistir á exposición e participar en diferentes propostas educativas, adaptadas ao currículo dos centros escolares, que pretenden ser un reforzo das súas programacións utilizando ferramentas orixinais que unen a diversión e a aprendizaxe. Así, para os escolares de infantil a terceiro curso de educación primaria deseñouse a didáctica Como focas ao sol na primavera; os alumnos e alumnas de cuarto de primaria a primeiro curso da ESO terán a oportunidade de participar en Mares de coñecemento; finalmente, para os estudantes de segundo ciclo de ESO, de bacharelato e de ciclos formativos preparouse a proposta didáctica Terras de salitre de Cristina Mittermeier.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.