
O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, busca dar a coñecer o traballo que fan as formacións máis novas das bandas de música galegas, coa finalidade de mellorar a visibilidade destas agrupacións, amosando o seu traballo ante o público.
O evento tamén busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
Programa da xornada
O festival arrancará ás 11,00 horas no Museo Centro Gaiás, e desenvolverase ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os participantes todos menores de 20 anos, integrantes de 12 bandas (máis a Banda Sinfónica Xuvenil Galega), escollidas por sorteo entre todas as formacións federadas da FGBMP que se presentaron ao proxecto. Cada formación interpretará os repertorios elixidos para a ocasión, que inclúen pezas do máis variado: desde compositores de bandas sonoras como John Williams e Michael Sweeney, de musicais como Andrew Lloyd Weber, ou versións orquestrais de temas de Coldplay ou Walk the Moon. Ademais, os rapaces poderán tamén gozar da área de lecer do encontro, que incluirá diversos xogos tradicionais e probas de enxeño.
As formacións participantes deste ano serán a Banda da Escola de Música de Ponteledesma (Viladecruces), a Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Infantil de Rubiós (As Neves), a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Xove Banda de Valga, a Banda de Música Municipal Xuvenil de Agolada e a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Silleda), todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Da provincia de Ourense estarán presentes a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Música de Santádega (Coles), mentres que da provincia da Coruña participará a Banda Infantil Sementeira (Narón).
Pecha o repertorio de formacións a Banda Sinfónica Xuvenil Galega, recentemente formada a través dunha convocatoria lanzada pola FGBMP a músicos menores de 18 anos e tamén a directores interesados, en virtude da cal foron seleccionados os seus 50 integrantes, pertencentes a 27 bandas e conservatorios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.