Noticias

O 'Atardecer no Gaiás' desta semana arranca con Labaq, que trae a electrónica máis anovadora da música brasileira

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons de Labaq.

Esta integrante da nova xeración de artistas do Brasil con só 12 anos xa tocaba a guitarra acústica e eléctrica, a trompeta e, máis tarde, a percusión.

Esta faciana musical complétase coa súa condición de empresaria e co-creadora dun festival de música, o Sonora, con edicións en 65 cidades de quince países e dedicado ás mulleres artistas. Precisamente, Atardecer no Gaiás volve a significarse nesta edición de 2019 pola súa aposta por voces femininas, como a da mesma Labaq.
O ciclo, que conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), continúa o venres, día 12, coa ampla formación galega Europejska Orkiestra ateigando a Praza Central dos vellos sons dos países dos Balcáns.

Esta formación de violín, clarinete, guitarras, saxo tenor, contrabaixo e percusión proporá unha viaxe a través de 10 composicións, que supoñen un percorrido musical por Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia, España e Galicia, tendo sempre como punto de partida as raíces folclóricas de cada un destes territorios.

Reggae para musicar o solpor

Para o peche de Atardecer no Gaiás desta semana contarase con outro artista galego, Soulmacklein, cantante da exitosa banda de hip hop Delahoja. Neste caso, a proposta do solpor musicado do sábado, día 13, dá un xiro de 180 graos cun repertorio de reggae con letras veraniegas que convidan á praia e ao baile ao aire libre.

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lles dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, como é o caso da electrónica e do reggae deste xoves e sábado.

R., 2019-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES