Notas de prensa

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega 20 funcións de 10 compañías á programación de artes escénicas de Santiago

A nova programación de artes escénicas de Santiago ofreceralle ao público compostelán 25 espectáculos, dos que 10 chegan á cidade a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de exhibición que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas entidades locais xestoras dos seus 40 espazos asociados.

No caso de Compostela, durante esta primeira metade do ano serán 20 as funcións das devanditas 10 compañías –todas elas galegas– que terán lugar no Teatro Principal como escenario adscrito á RGTA.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, detallou hoxe estes datos durante a presentación da carteleira escénica do Concello, na que tamén participaron Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia; e os representantes das compañías que protagonizan as catro estreas desta temporada: Víctor Mosqueira, de Produción Teatráis Excéntricas; Marta Pazos, de Voadora, con Hemos venido a darlo todo; Guillermo Carbajo, de Redrum Teatro, con Idiota; e Isabel Rey, de Os Monicreques de Kukas, con Arlequina.

Estreas

Estes catro espectáculos forman parte igualmente da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Santiago, na que a Agadic e o Concello realizan un investimento conxunto de preto de 53.000 euros para este primeiro semestre de 2019. Ademais de Hemos venido a darlo todo, que se representa en Santiago do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro tras a súa preestrea en Rianxo; Carpe Diem, do 27 de febreiro ao 1 de marzo; Idiota, do 6 ao 8 de marzo; e Arlequina, o 28 de marzo, o circuíto da Xunta achega á carteleira do Teatro Principal outros seis espectáculos galegos.

Trátase de Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste (24 e 25 de xaneiro); Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro (16 de febreiro); Patapatúm, de Elefante Elegante (6 de abril); Entre soños, de Fran Sieira (25 de abril); Alma (non é hippie), do Colectivo Verticalia que integran Duelirium e Traspediante (4 de maio); e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro con Chévere (9 e 10 de maio).

Circuíto profesional

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de preto de 919.00 euros, que asumen a Agadic e as entidades locais asociadas.

Esta primeira carteleira de 2019 achegaralles aos espectadores de 38 concellos de toda Galicia 349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 115 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

Rede Galega de Teatros e Auditorios, 2019-01-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES