
O experto xeopolítico e director de investigación honorario do Centro Nacional de Investigacións Científicas (CNRS) Max Jean Zins, disertará nesta sesión sobre as actuais relacións institucionais e políticas que manteñen entre sí e tamén con terceiros estados países de especial relevancia no Leste, tal e como o poden ser Rusia, China e mesmo India.
Na súa intervención, Max Jean Zins relatará algúns dos episodios máis salientables e significativos da relación que mantiveron de sempre dúas potencias mundiais como o son Rusia e China, a tempo que explicará a posición adoptada pola India ante a influencia de dous estados de fonda pegada comunista. A sesión, de entrada libre e gratuíta para todo o público interesado, comezará ás 20.00 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.