Notas de prensa

'Trote', primeira longametraxe de Xacio Baño, estréase mañá nunha ducia de salas de toda Galicia

Trote, a primeira longametraxe do realizador galego Xacio Baño, estréase mañá venres nas salas de cinema tras o seu paso polos festivais internacionais de Locarno, en Suíza, e de San Sebastián. O filme, producido pola compañía galega Frida Films, chega agora ao circuíto comercial como parte da carteleira dunha ducia de cines galegos e doutros sete do resto de España.

O salto de Xacio Baño á longametraxe, tras unha recoñecida traxectoria internacional como curtametraxista, contou co apoio económico da Xunta en diferentes convocatorias do programa de axudas ao sector que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Así o explicou hoxe o seu director, Jacobo Sutil, quen lembrou que xa en 2014 o realizador recibiu unha primeira achega para a escrita do guión de Trote a través da liña de axudas para a promoción do talento audiovisual galego.

Cine galego e en galego

Dous anos despois, Frida Films resultou adxudicataria de máis de 250.000 euros para a rodaxe de Trote, en coprodución coa compañía lituana M-Films, e este mesmo ano 2018, a Agadic apoiou a súa estrea internacional en Locarno e a súa proxección na sección Zabaltegui de San Sebastián mediante a convocatoria para a difusión do cine galego en festivais e mostras de prestixio fóra da nosa Comunidade. Coa súa selección en ambos certames, a ópera prima do director de Xove converteuse, ademais, na primeira película en galego que participou nun mesmo ano nas seccións competitivas de dous festivais de cine de clase A.

Jacobo Sutil acompañou a Xacio Baño, a actriz María Vázquez e o produtor Sergio Frade na presentación aos medios da estrea comercial de Trote, que poderá verse desde mañá na Coruña (Cantones Cines), Ferrol (Cine Dúplex), Lugo (Códex Cine), Santiago (Númax e Cines Compostela), Vigo (Multicines Norte), O Barco de Valdeorras (Casa da Cultura), Caldas de Reis (Avenida), A Estrada (Cine Central), Marín (Cine Seixo), Verín (Casa da Cultura) e Viveiro (Cines Viveiro), así como en varias salas de Madrid, Barcelona, Málaga ou o País Vasco.

Trote, que o Festival de San Sebastián xa seleccionara en 2016 para o seu programa de residencias Ikusmira Berriak, xira arredor da personaxe interpretada por María Vázquez, quen lle da vida a unha muller atrapada no ambiente opresivo da súa familia e da pequena aldea do interior de Galicia na que vive. Como na Rapa das Bestas, celebración durante a que transcorre esta historia, o filme reflicte a loita entre o home e o cabalo, ao tempo que entre a razón e o instinto.

En palabras do responsable da Agadic, esta primeira longa de Xacio Baño reúne moitos elementos que “multiplican o seu valor e o reverten na nosa terra e nos nosos profesionais”. Entre eles, “un director galego, que avanza deste xeito na súa carreira, e un reparto de actrices e actores do país –ademais de María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido, Tamara Canosa ou Federico Pérez, entre outros– que defende con calidade interpretativa un guión en clave galega, pero de validez universal, do que é coautor outro talento da nosa escrita como é Diego Ameixeiras”, destacou.

Para Sutil, esta película identifica moi ben o audiovisual galego como un “sistema propio, diferenciado, que fala de nós sendo quen, á vez, de acadar proxección exterior”. De feito, Trote está rodada integramente en galego e así está a ser distribuída fóra da nosa Comunidade. Ademais, a historia transcorre en localizacións que, como o curro de Amil, en Moraña, durante a rapa das bestas, combinan unha forte carga simbólica e cultural co atractivo para o público foráneo.

Frida Films, 2018-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES