
A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase hoxe con textos de María Yáñez, Brais Romero, Cibrán Tenreiro e fotos de Tamara de la Fuente en formato revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. Un dos temas de portada desta publicación -centrada na historia do audiovisual en Galicia- é unha reportaxe que xira arredor de Pilar Sueiro, Marta Villar, Luisa Veira, Beatriz Legerén, Margarita Ledo e Encarna Alonso, mulleres que desde distintos ámbitos técnicos e artísticos, e tamén desde a produción e a investigación, foron imprescindibles nos inicios do cinema e a televisión en Galicia.
Outro tema de portada é a conversa que Brais Romero mantén con tres investigadores que comezaron a súa labor académica nesta década: Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, na que falan de identidade, subsistencia, difusión e, sobre todo, cinema galego. A esta entrevista súmanselle tamén voces como a de Adrián Estévez, un dos membros máis activos da Galipedia, que nos fala sobre o funcionamento e normas que rexen a información que atopamos na wiki sobre o audiovisual galego, un álbum de momentos históricos do audiovisual galego contemporáneo e un concurso online para que todo o mundo poida poñer a proba os seus coñecementos sobre o audiovisual.
A actualidade vén marcada polas palabras de Melania Cruz e Iván Marcos, gañadores dos Mestre Mateo deste ano á mellor interpretación protagonista e actores que prometen unha carreira máis sólida e interesante nos próximos anos. Tamén haberá un lugar para o que está por vir cun repaso ás rodaxes e estreas de cine e televisión que se esperan para o 2019, un repaso aos filmes con talento galego pasaron con éxito por festivais internacionais centrados en vertentes ben diferentes do cinema e o mellor que puidemos ver nos que celebramos en Galicia.
E, por suposto, as crónicas multimedia dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), do encontro "Lugares en común para a educación e o audiovisual", o Gifaton e máis doutras actividades que desenvolveu a AGA neste ano xa case pasado, así como unha entrevista a Miriam Devesa, coordinadora de proxectos da Academia.
Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.