//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Os museos xestionados pola Xunta de Galicia recibiron durante o 2024 un total de 576.866 visitantes, o que supón un 23% máis que no ano anterior, cando o balance do exercicio sumou 468.612 visitas en 13 equipamentos. O incremento de afluencia máis destacado do ano rexistrouno a Cidade da Cultura coa participación de 242.222 persoas nas exposicións e actividades do Museo Gaiás que en 2023 contabilizara 113.000. Neste senso, destacaron as mostras Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, á que acudiron 39.798 persoas entre marzo e agosto, e Unha vida viquinga, con 60.123 desde xullo ata este 5 de xaneiro de 2025. Tamén o Museo das Peregrinacións e de Santiago aumentou as súas cifras con 60.986 asistentes, 12.000 máis que o ano pasado, cunha programación na que a gran protagonista foi Verba Volant Picta Manent.
Esta mostra, que afondaba na cultura viquinga e tamén na súa pegada en Galicia, é responsable, xunto ás exposicións 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' e 'Tattoo. Arte baixo a pel', de que a Cidade da Cultura despida 2024 coa cifra máis alta de participantes no seu programa cultural. Deste xeito, cunha media diaria de 400 visitantes, 'Unha vida viquinga sitúase', xunto a 'Faraón. Rei de Exipto e a Galicia', un relato no mundo, entre as exposicións da Cidade da Cultura cun maior número de afluencia.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta fin de semana a súa nova programación anual, que para este semestre ofrece 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias. En concreto, durante os seis primeiros meses do ano serán 115 as compañías de artes escénicas e 12 os grupos de música que actuarán nesta Rede. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta actividade, con máis de 300 funcións. Pola súa banda, terán lugar 26 representacións de danza, tres de maxia e 17 de circo, o que confirma o progresivo aumento da presenza desta disciplina na carteleira. No relativo á música, están programados 16 concertos. Ademais, destaca a ampla oferta para o público familiar, con 128 actuacións deste perfil.
Con motivo da celebración en 2025 do Ano Castelao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten prevista unha programación coa que enxalzar a súa contribución histórica, con propostas como, a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na que tamén se reproducirá a súa voz. Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos. Esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posible grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, abre a súa programación de 2025 volvendo a ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Instituto Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Así, este venres 10 de xaneiro ás 20,00 h. o espazo ofrece en función única a montaxe Frágua de amor, o clásico da literatura portuguesa escrito polo dramaturgo Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.
A Filmoteca de Galicia arranca a súa programación de 2025 con moitas novidades na carteleira de xaneiro, na que se insiren tres novos ciclos dedicados á actriz alemá Sandra Hüller, ao cineasta experimental norteamericano Hollis Frampton e ao tándem artístico que formaron o director Terence Fisher e o actor Christopher Lee. Ao tempo, continúa na cinemateca da Xunta o especial Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, coa visita da cineasta Elena López Riera, así como as novas proxeccións das seccións Fóra de Serie, Off Galicia, Filmoteca Jr. e Materiais para unha historia do cine en Galicia.
A produtora coruñesa Vaca Films rematou en Galicia a gravación da película Dímelo bajito, despois de sete semanas de traballo en diferentes espazos da Coruña e Lugo que serven de localizacións para esta longametraxe producida para a plataforma Prime Video. Con dirección de Denis Rovira, 'Dímelo bajito' é un guión de Jaime Vaca sobre a novela homónima de Mercedes Ron. Alicia Falcó, Fernando Líndez e Diego Vidales protagonizan este drama de personaxes cun elenco que completan Patricia Vico, Andrés Velencoso, Eve Ryan, Fernando Nagore e mais a galega Celia Freijeiro, entre outros. A súa estrea está prevista en Prime Video en 2025.
Este incremento obedece, en boa medida, ao pulo de Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, Unha vida viquinga ou Tattoo. Arte baixo a pel, mostras organizadas en colaboración con algunhas das institucións máis relevantes do panorama cultural internacional. De feito, tanto Tesouros Reais como Unha vida viquinga sitúanse entre as tres con máis visitas de todas as programadas pola Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público en 2011. O Gaiás encabezou de novo o ranking de institucións culturais galegas do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, dado que a suma de actividades culturais e eventos achégase ao milleiro.
A Filmoteca de Galicia acolle o venres ás 20,30 h. na súa sede da Coruña unha nova entrega da sección Materiais para unha historia do cine, que estará dedicada aos traballos de Equipo 64, o colectivo compostelán integrado por Gonzalo Anaya, Enrique Banet e Ezequiel Méndez que entre 1964 e 1965 realizou unha serie de filmacións que son parte xa da crónica audiovisual galega e que están depositadas no arquivo da cinemateca da Xunta. Materiais para unha historia do cine é unha sección que ten como función primordial darlle visibilidade ao arquivo da Filmoteca en sesións definidas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial.
Tivo lugar en Madrid a entrega dos XVII Premios Nacionais de Artesanía, nos que que resultaron finalistas dous galegos. En concreto, o torneiro de madeira Aitor Martínez (Tomiño) competía na candidatura Produto, na que o gañador foi o ceramista Raúl Mouro (Asturias); e o ebanista Fran Millán, de Frouma Atlantic Wood (Ribeira), optaba ao premio Emprendemento, que recaeu no proxecto Mutur Belzt (Biscaia). Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Con eles búscase contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.
Dentro da Semana de Cine de Lugo, este luns na Deputación Provcincial, vaise presentar o libro 'BAÑOS FILMS, 70 ANOS DE CINE EN GALICIA', de Manuel Curiel Fernández. O libro percorre a historia das tres xeneracións da familia Baños, dedicados á distribución de cine en Galicia os últimos setenta anos, e vencellados á Semana de Cine de Lugo desde o seu nacemento en 1979. Na presentación intervirá Manuel Curiel, membros da familia Baños, e representantas das institucións que apoian a Semana de Cine.
O Orfeón Lucense, xunto coa Catedral, o Bispado de Lugo e a familia Castiñeira, convoca o 'Premio José Castiñeira de Humanidades'. Concederase a persoas ou institucións que se distingan polo seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de José Castiñeira. O premio, que se convocará anualmente, non ten dotación económica e consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ratificou a decisión de que Xosé Manuel Beiras reciba a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025, na cidade de Santiago de Compostela, destacando, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.
O Galician Freaky Film Festival presentou esta mañá o programa completo da súa oitava edición, que está dispoñible na web do evento. O certame internacional de cine freak e fantástico conságrase como o maior festival de cine de Vigo e un dos poucos eventos adicados ao sétimo arte que existen hoxe en día na cidade. A presentación tivo lugar na que será a sede do frikismo entre o 20 e o 28 de setembro, a Plaza Elíptica.
O Premio Rebulir de Cultura Galega nace no ano 2012 como un recoñecemento a persoas e colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz.
Comeza no Ateneo de Ourense o próximo 18 de setembro, mércores, un ciclo de conferencias sobre a figura de Prisciliano e a súa importancia na historia europea, española e galega. A conferencia correrá a cargo de D. VICTORINO PÉREZ PRIETO, doutor en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor universitario xubilado, nas Universidades da Coruña, Santiago, Bogotá e, ultimamente, na Universidade de Lasalle (Madrid).
Un xurado constituído polos patróns da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, Baldo Ramos, José María Paz Gago e Felipe Ferreiro, que actuou como secretario, fallou os premios correspondentes ó primeiro concurso de poesía 'Acouga-Casa dos Poetas', que coordina a Fundación Curros Enríquez e que ten como premio unha viaxe dunha semana á Riviera Maya.
A sétima edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes Elas Son Artistas retoma as artes escénicas tras clausurar o pasado 30 de agosto a exposición de María Maquieira na Coruña. No mes de setembro e no inicio de outubro poderanse ver unha obra de teatro en Betanzos, un espectáculo de humor en Culleredo e un concerto no Garufa Club.
'Variedade temática e axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica', así describiu o xurado do IX Concurso Balbino de Relatos a obra O meigallo dos soños, da autoría de Juan José Lamelas Caneiro e natural do Concello de Ourense, que se alzou como gañadora desta novena edición.