Notas de prensa

Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical

O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.

A entrada será libre, até completar capacidade. Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta: Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro.

Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:

Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.

Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.

A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.

Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), 2024-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES