Noticias

A coprodución luso-galega 'Frágua de amor' abre a carteleira do centro dramático galego para o novo ano

O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, abre a súa programación de 2025 volvendo a ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Instituto Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Así, este venres 10 de xaneiro ás 20,00 h. o espazo ofrece en función única a montaxe Frágua de amor, o clásico da literatura portuguesa escrito polo dramaturgo Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.

A peza está dirixida por António Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión baixo a dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. Sobre o escenario actuará un elenco de nove actores e actrices: Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.

Crítica dos privilexios e os abusos

A posta en escena do texto escrito en 1524 para celebrar o casamento de João III con Catarina de Habsburgo consegue, a través da escenografía e da música, o ambiente de festa imaxinado por Gil Vicente. Non obstante, tamén lanza miradas críticas aos temas habituais do autor: a igrexa, a xustiza corrupta e a fidalguía improdutiva que aspira a beneficios.

Tras a súa estrea en Coímbra e o seu paso por Évora o pasado novembro, Frágua de amor chega agora a Galicia antes de recalar no Teatro Nacional São João do Porto, onde se vai representar do 15 ao 18 de xaneiro. Para a representación no Salón Teatro, as localidades poden adquirirse xa de xeito anticipado na plataforma en liña de ataquilla, ou no portelo do número 34 da rúa Nova compostelá o venres 10 a partir das 18,00 h.

Ademais, o Camões ofrece un servizo de autobús gratuíto desde Vigo, con saída ás 17,00 h. desde o Berbés, ata Santiago de Compostela (dársena de La Salle), con regreso incluído e paradas diante da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e da de Vilagarcía de Arousa. Para facer uso deste transporte cómpre inscribirse ata mañá 8 de xaneiro a través da web do centro luso.

Estreitar lazos co teatro portugués

Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora coa iniciativa Quintas do Camões co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países.

Nos últimos anos a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten colaborado con estruturas públicas e compañías portuguesas dentro do seu obxectivo de servir de ponte entre profesionais das dúas beiras do Miño. Así, en novembro de 2023 produciu xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Teatro Nacional São João de Porto Manuela Rey Is In Da House. En 2024 viron a luz as coproducións Territórios de liberdade, coa compañía galega Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim Teatro e Entrepalav-bras, da galega ButacaZero en alianza coa lusa TEatroensaio. Ademais, dentro deste mesmo ciclo Quintas do Camões representouse a peza Salgueiro Maia: cartografía de um monólogo, de Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana.

Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica e que posibilitou a finais do ano pasado as montaxes de Na hora dos cans e Ifixenia.

R., 2025-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES