Notas de prensa

Juanjo Lamelas, coa obra O meigallo dos soños, convértese no gañador da novena edición do Concurso Balbino de Relatos

'Variedade temática e axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica', así describiu o xurado do IX Concurso Balbino de Relatos a obra O meigallo dos soños, da autoría de Juan José Lamelas Caneiro e natural do Concello de Ourense, que se alzou como gañadora desta novena edición.

O fallo foi determinado por maioría dun xurado composto por reputados profesionais do sector e que incluía a Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario).

O xurado determinou outorgar o galardón á obra O meigallo dos soños, presentada baixo o lema O trasno, pola 'súa variedade temática e a axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica, onde o mundo dos nosos labregos e mariñeiros adquire carácter protagónico'.
Tamén salientou a súa solvencia nos diálogos e descricións, 'a través das diferentes narracións que se nos propoñen componse un amplo mosaico de personaxes que, de seguro, atrapará o interese do lectorado'.

Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da preto da vintena de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos dirixidos tanto a público xuvenil como adulto.

Publicación

O texto gañador deste certame literario ten un premio económico de 1.500 euros e ademais contará coa publicación da obra que estará a cargo de Edicións Fervenza.

Durante os próximos meses traballarase en darlle forma ao libro tendo a previsión de que sexa presentada nun acto no que tamén se fará entrega do premio á persoa gañadora durante o mes de novembro.

Concurso

Baixo o nome de 'Balbino', protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, os requisitos que debían cumprir os orixinais presentados era unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres, ter como temática o rural, o mar ou a emigración e estar escritos en lingua galega.

Biografía Juanjo Lamelas

Juan José Lamelas Caneiro (Ourense, 1964) é escritor e profesor, apaixonado da divulgación científica.
Diplomado en Maxisterio, continuou os seus estudos para licenciarse en Ciencias Químicas e, posteriormente, doutorarse na especialidade de Química e Física.

Ten participado en numerosos congresos e publicado traballos de investigación en prestixiosas revistas como o Journal of Chromatographic Science ou a revista Afinidad.

Na actualidade dedícase á docencia no CEIP Curros Enríquez de Celanova e traballa vinculado a proxectos de implantación e desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicadas ao ensino.
Pouco a pouco, a súa afección á literatura foi converténdose nunha auténtica paixón da que naceron xa varias historias. Entre as súas publicacións destacan novelas históricas, de intriga e ensaios de divulgación científica.

Concurso Balbino de Relatos, 2024-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES