
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou hoxe a Castelao como figura de unión entre todos os galegos e galegas e un dos símbolos de Galicia. Fíxoo durante a súa participación no acto de homenaxe polo 75 aniversario do pasamento do intelectual galeguista no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres, ao que tamén asistiu o titular de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
Na súa intervención, o responsable de Cultura do Goberno galego lembrou que a Xunta acordou declarar 2025 como Ano Castelao co gallo deste cabodano e como mostra de gratitude do pobo galego a esta figura senlleira da cultura e política galegas. Neste senso, avanzou que este acto supón o punto de partida da ampla e variada programación institucional prevista para este ano.
López Campos erixiu a Daniel Alfonso Rodríguez Castelao como un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e galegas que é capaz de convocar sempre e unir a todos. Por iso, puxo en valor que o pobo galego lle teña outorgado a máxima estima polo valioso legado intelectual, político e cultural, onde se significou especialmente pola súa férrea defensa do galego. Nese senso, tirou proveito da unanimidade social e política existente en Galicia ao redor da relevancia da figura de Castelao como exemplo doutros que se poden acadar neste mesmo ano tamén en materia da lingua, porque é moito máis o que nos une, que o que nos separa, aseverou.
Programación Ano Castelao
Con motivo da celebración en 2025 do Ano Castelao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten prevista unha programación coa que enxalzar a súa contribución histórica, con propostas como, a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na que tamén se reproducirá a súa voz. Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos.
Esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posible grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, unha iniciativa das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que emprega as tecnoloxías inmersivas e que, na actualidade, permite no Museo Centro Gaiás descubrir importantes bens que forman parte do noso patrimonio cultural a través da súa recreación en realidade virtual.
Difusión entre os escolares
Ademais desta recreación virtual de Castelao e da súa vida e obra, a Xunta tamén prevé difundir o legado cultural e intelectual do escritor rianxeiro, a través de actividades diversas de carácter educativo pero tamén con compoñente de lecer para desenvolver en todos os centros escolares de toda Galicia. Estas accións levaranse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas coas que contan as escolas galegas.
A esta programación, sumaráselle a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Cómpre salientar que será a primeira vez que se leve a cabo a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941.
Hai que destacar que esta edición especial enmárcase na coincidencia da celebración do Ano Castelao co 75 aniversario o ano que vén da creación de Galaxia, editorial que conta tamén cunha forte carga simbólica en Galicia e que ten tido á fronte da súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas
Finalmente, o ampla programación para festexar o Ano Castelo tamén incluirá, entre outras accións, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.