
A sarriana, Naila María González Rodríguez viaxará á Riviera Maya ó resultar gañadora do concurso literario organizado polo Hotel Acouga e a Fundación Curros Enríquez de Celanova.
Outros dous accesits foron concedidos á ourensá Róchi Novoa, así como á caramiñá María Rodríguez González.
Un xurado constituído polos patróns da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, Baldo Ramos, José María Paz Gago e Felipe Ferreiro, que actuou como secretario, fallou na xornada de onte os premios correspondentes ó primeiro concurso de poesía Acouga Casa dos Poetas que patrocina o hotel Acouga de Celanova e coordina a Fundación Curros Enríquez e que ten como premio unha viaxe dunha semana á Riviera Maya.
Despois de analizar as once obras que foron presentadas a esta primeira edición do concurso, o xurado acordou concederlle o primeiro premio á poeta Naila María González, natural de Sarria, polo traballo presentado baixo o título A anarquía das pálpebras. Un poemario de voz transparente e asequible, que atopa os motivos literarios no amor e na vida cotiá, escrita cunha lingua desenfadada, pero tratada con elegancia, e un ritmo traballado que abeira cada poema ao mundo da música pop e á poesía da experiencia.
Naila María González Rodríguez é unha poeta con moita proxección nas nosas letras, tendo recibido xa, aos seus 21 anos, premios como o Francisco Añón de Poesía, o Certame de relato breve "Entre parágrafos nevados" e, con tan só 12 anos, o Premio ¿Qué es un Rey para ti?
Tendo en conta a boa calidade xeral dos traballos presentados, concederonse tamén sendos accesits a outros dous poemarios, un dos cales será recibido pola poeta ourensá de Xunqueira de Ambía, Rochi Novoa, e o segundo por María Rodríguez, da Pobra do Caramiñal.
O acto de entrega terá lugar o 14 de setembro, data próxima ó aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez.
Estes accesits, tal como recollen as bases constan dunha estadía no hotel Acouga e un programa de visita e coñecemento do patrimonio cultural e literario de Celanova.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.