Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.
Teatro do Atlántico celebra esta semana na sede do Centro Dramático Galego os seus 35 anos sobre os escenarios coa reposición de catro das súas últimas montaxes máis recentes. Así, a compañía que dirixe Xúlio Lago porá en escena o xoves 1 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco; o venres día 2, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, e o sábado 3, Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. O domingo día 3 resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos. Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago.
'Memoria dunha década' está configurada en torno a 10 paneis que amosan algúns dos aspectos máis importantes da institución co obxectivo de visibilizar o seu papel e dar a coñecer o traballo que vén desenvolvendo dende a súa creación. Ademais, tamén amosan pezas dos fondos documentais custodiados no Arquivo de Galicia e agrupados por ámbitos temáticos. Concretamente, cinco dos paneis recollen mostras de fondos públicos e os outros cinco, documentos de fondos privados. Os materiais expostos supoñen unha pequena mostra extraída das 182.839 unidades de instalación que conforman os algo máis de 21 quilómetros de documentos do Arquivo. En total amósanse máis de 90 documentos, que dan conta dos diferentes fondos, tanto públicos como privados, que conforman o patrimonio documental custodiado polo Arquivo de Galicia.
O Centro Dramático Galego (CDG) configurou a súa temporada escénica 2020-2021 arredor de tres novas producións propias: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te, doutros tantos espectáculos en réxime de coprodución e de novas iniciativas deseñadas para reforzar a vocación de servizo público e de cooperación co sector no actual contexto sociosanitario. Distintas accións para impulsar a programación do Salón Teatro no seu centenario, o apoio á creación dramatúrxica actual ou a colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia son tamén eixos estratéxicos que guiarán a actividade do CDG nos vindeiros meses, poñendo máis que nunca a atención no apoio á situación laboral dos profesionais da escena ao tempo que se proporciona unha oferta teatral variada e de calidade.
A compañía de teatro Cámara Negra estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela Clausura do amor, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego que poderá verse no escenario da súa sede ata o domingo. Trátase dunha das pezas máis representadas do autor, director e coreógrafo francés Pascal Rambert, levada a escena con versión e dirección de Carlos Álvarez-Ossorio e interpretación a cargo de Teté García e Xosé Manuel Esperante. Na obra, estreada no Festival de Avignon e traducida a máis de dez idiomas, o dramaturgo francés somete unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dunha relación en proceso de defunción.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Xunta de Galicia está a retomar a exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña cunha carteleira na que o cinema feito por e para mulleres centra a meirande parte das 20 sesións programadas durante este mes na cinemateca da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dáselle continuidade, deste xeito, aos ciclos que tiveron que ser adiados a pasada primavera por mor do estado de alarma, ao tempo que se incorporan novas achegas en colaboración cos festivais de Cans, Diversidarte e (S8) Mostra de Cinema Periférico. Esta aproximación ás miradas femininas no cinema inclúe a serie documental Women Make Film, que consta de 40 capítulos.
A programación do Revenidas en Conserva terá lugar do 10 ao 13 de setembro como edición especial e en formato reducido do festival que se celebra cada verán no núcleo de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. O escenario onde se desenvolverán os catro concertos do cartel principal ten unha capacidade limitada a un máximo de 500 persoas e coa estrita aplicación das correspondentes medidas para garantir a seguridade de público, artistas e equipo técnico. Alí actuarán Sés e Zeltia Irevire o venres 11 e Ortiga e Dakidarría en acústico o sábado 12. O festival, que este ano lle concede todo o protagonismo á música e á cultura de Galicia, ten preparadas tamén diferentes actividades paralelas, de balde e con inscrición previa para o control da capacidade.
Ata o vindeiro 13 de setembro, poderase visitar na sede da institución académica a mostra comisariada por Asunta Rodríguez e que reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado. Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
Fíxose entrega dos premios aos gañadores do certame Lingua de Namorar. Os seis autores das mellores mensaxes de declaracións de amor en galego na rede recibiron o seu premio logo de que o pasado maio o xurado ditaminara os gañadores. Este certame procura dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet. Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foron galardoados os traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).
O festival de danza Corpo(a)terra adiantou o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto. En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, hai varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival. A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado.
« Anterior | 79  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

A Asociación Cultural Cultura do País presenta, xunto con Através Editora e a librería Trama, a “Antología de poesía de Carvalho Calero”, coa presenza do editor Paulo Fernández Mirás e da escritora lucense Carmen Blanco, responsábel do prólogo. O acto terá lugar o vindeiro sábado 1 de febrero as 12.30 horas na librería Trama, e consistirá nunha conversa con ambos escritores ao redor da figura a quen se lle dedica o vindeiro dia das Letras Galegas, o escritor Carvalho Calero.
O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”.
A escritora Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades da USC, vén de publicar a súa obra Letras lilas no número 24 de Unión libre. Cadernos de vida e culturas. Letras lilas reúne numerosos ensaios sobre escritoras galegas, como Rosalía de Castro, Pura e Dora Vázquez, María Mariño, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres, ás veces en relación con outros escritores, como Juan de la Cruz, Virginia Woolf, Ricardo Carballo Calero, Eugenio Granell ou José Ángel Valente.
A compañía Ibuprofeno Teatro estrea a súa última montaxe 'O mel non caduca' no Teatro Principal de Compostela. Marián Bañobre e Avelino González son os protagonistas desta traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que poderemos ver o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro. 'O mel non caduca' é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista.
Nestes momentos, xa está aberto o prazo para a inscrición gratuíta na primeira das citas do ciclo, Superar fronteiras coa música, na que se abordará a relación musical entre Galicia e Portugal a través da experiencia da artista galega Uxía e da portuguesa Joana Brandão, experta en comunicación, xestión e produción de espectáculos. A xornada, que será moderada pola xornalista Belén Regueira, contará ademais co showcase en acústico de Astrogirl.
A mostra itinerante ‘Deconstruír o franquismo’, impulsada polo grupo de investigación da USC Histagra e polo Observatorio Europeo de Memorias da Fundación Solidaridad da Universidade de Barcelona, chegou este xoves a Santiago para facer da cidade compostelá, un espazo de reflexión sobre a simboloxía da ditadura. A mostra atópase situada no Paseo Central da Alameda. A mostra preséntase en cinco etapas, dende a ‘Persistencia’ do franquismo ás ‘Ausencias’ de memoria.
Vida de cans, que a compañía subtitula como Alegoría canina en cinco ladridos escénicos, é unha comedia metafórica sobre o concepto de liberdade, na que se abordan cuestións humanas a través de tres personaxes caninos. Os tres atópanse encerrados nun amplo recinto que lles preparou o seu amo, pero que, a pesar de todas as comodidades, non deixa de ser unha reclusión que cada un afronta de xeito diferente segundo a súa personalidade.
A Rede Cultural estrutúrase en catro programas, tres deles para o sector profesional. "Escena ao vivo!", ao que se poderán presentar espectáculos ao vivo de teatro, música, monicreques, maxia,danza e circo; outro para proxeccións audiovisuais, "Visións"; e "Lingua a Escena!" que ten como obxectivo a promoción do galego a través da cultura. A estas tres modalidades súmase na convocatoria o programa "Alicerces", destinado á difusión de espectáculos de compañías e agrupacións non profesionais.
A iniciativa, organizada pola Biblioteca do Concello de Verín en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega, ten como obxectivo ofrecer unha visión real sobre as personaxes que forman parte das obras deste xénero. Para conseguilo, contarán coa presenza de escritores e personaxes reais que aparecen en diversas obras. Así, o día 24 o comisario de policía Enrique León, que inspirou o personaxe do sarxento Castro na serie de televisión 'Fariña', ofrecerá unha conferencia baixo o título 'Do contrabando de tabaco ao tráfico de drogas'.
O autor israelita Yuval Noah Harari fíxose coa VI edición do Premio Bento Spinoza pola obra 'De animales a deuses. Breve historia da humanidade'. O ditame do xurado, conformado por alumnado dos IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, Ramón Otero Pedrayo de Ourense, Ánxel Fole de Lugo, Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda e Antón Fraguas de Santiago, deuse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa. O premio réndelle tributo ao filósofo neerlandés de orixe sefardí hispano-portugués.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES