Notas de prensa

Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”.

Así como “a recuperación da maxia para o teatro cunha riqueza de accións dramáticas que poden resultar moi estimulantes á hora de poñelas sobre as táboas, tanto para un equipo artístico como para o público”.

A obra de Castro Paredes, destacou sobre as 21 obras presentadas nesta segunda edición do certame, consolidando esta cita coa nova dramaturxia galega organizada pola compañía teatral Feira do Leste.

Este certame procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “Estamos moi contentos porque vemos que existe un interese por dar a coñecer a obra de novos autores e iso reflíctese na alta participación con respecto á edición anterior: de 14 a 21 obras presentadas”, sinalan dende a compañía.

Na primeira edición, a obra gañadora foi A enterradora (blogue) do xornalista Miguel Sande e que contou cunha edición conxunta por Á Feira Edicións nun volume con obras como Tras Tannhäuser de Ernesto Is, Loló e Mamá de Esther F. Carrodeguas e Dramaturxia das Mulheres de Inherente Teatro. “A eiva non está só na falta de representación escénica das obras dos autores, senón que tamén na publicación e difusión da súas creacións. Nós queremos axudar a cambiar esta situación”, sinala a organización.

SINOPSE DE OFELIA OU O CABEIRO DA CÓBREGA

No pazo de Elsinor, no corazón mesmo da antiga Dinamarca, Polonio, un conselleiro do novo monarca Claudio, vén de ser asasinado de xeito brutal. A súa filla Ofelia sentirá no seu interior o impulso da vinganza. Unha peza que se mergulla no universo da prestidixitación para ofrecer unha reescritura do Hamlet de Shakespeare.

BIOGRAFÍA DE FERNANDO CASTRO PAREDES

Nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce coma profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee (A Coruña). Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía) e do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade). Como dramaturgo formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral. É autor das pezas Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais), No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle), A derradeira bala (Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño), Amorodo agre (Premio de Teatro Rafael Dieste), Papiroflexia e Animais de compañía, estas dúas últimas estreadas por Farándula Velutina.

A COMPAÑÍA FEIRA DO LESTE

Feira do Leste xorde a finais do ano 2015 coma unha xuntanza de novos profesionais da interpretación, da dramaturxia e da dirección escénica que buscan explorar campos de expresión artística e temática no teatro físico, a performance ou a danza.

Integrada por persoas con ampla formación e experiencia escénica e audiovisual, Feira do Leste adapta esas linguaxes multidisciplinares dentro das novas manifestacións teatrais de carácter posdramático. A compañía asume o novo paradigma teatral de ruptura aristotélica e de traballo en colectividade, fragmentario, no que os xéneros e as técnicas expresivas hibrídanse e onde as temáticas están moi próximas á actualidade e á memoria común do pasado recente.

A primeira montaxe Exilio das Moscas (2016) conseguiu unha grande aceptación por parte do público e da crítica, sendo seleccionada no VI Festival “Vigo en Bruto”, no Festival SET de Porto e no Festival de Teatro Universitario de Santiago, entre outros. Continuando pola senda aberta coa primeira montaxe, nace Tras Tannhäuser (2017) un espectáculo que fala dos medos dende unha óptica xeracional e que foi seleccionada no Programa de Creación Joven Injuve 2016.

Durante o verán de 2017, estrease Aquí hai dragóns, unha experiencia multidisciplinar creada para o Festival Artes no Camiño en Sarria, así como o proxecto de integración das artes escénicas e a memoria colectiva dos pobos, co título de Lembrazadas (2017).

En 2018 nace o Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual e o selo editorial Á Feira Edicións, co que pretenden dinamizar a dramaturxia de novos autores galegos.

Feira do Leste, 2020-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES