Noticias

O Centro Dramático Galego presenta a súa temporada escénica 2020-2021 arredor de tres novas producións propias

O Centro Dramático Galego (CDG) configurou a súa temporada escénica 2020-2021 arredor de tres novas producións propias: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te, doutros tantos espectáculos en réxime de coprodución e de novas iniciativas deseñadas para reforzar a vocación de servizo público e de cooperación co sector no actual contexto sociosanitario. Distintas accións para impulsar a programación do Salón Teatro no seu centenario, o apoio á creación dramatúrxica actual ou a colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia son tamén eixos estratéxicos que guiarán a actividade do CDG nos vindeiros meses, poñendo máis que nunca a atención no apoio á situación laboral dos profesionais da escena ao tempo que se proporciona unha oferta teatral variada e de calidade.

Así, o director do CDG, Fran Núñez, deseñou unha planificación centrada na montaxe e distribución de tres espectáculos abertos á diversidade de temas e estilos da escena actual e todos eles, ademais, con dramaturxias contemporáneas: O charco de Ulises, recreación da Odisea de Homero dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso; Terceiro acto, unha homenaxe aos nosos veteráns da escena, a cargo de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez; e Serva me, servabo te, unha proposta en clave más contemporánea e de hibridación de linguaxes, con dirección de Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

Ensaios xa en marcha e estreas en 2021

Nos tres proxectos, mudan os modelos de produción e prazos tradicionais para compoñer un calendario de traballo no que se lles dá prioridade, en termos temporais, ás contratacións de intérpretes e creadores. A asunción conxunta das tarefas de dramaturxia e dirección por parte de cada equipo de responsables artísticos, o adianto durante estes meses dos períodos de ensaios respecto ás datas de estrea (que serán en 2021) e o tecido, xunto con concellos que recibirán os espectáculos nos seus respectivos escenarios, dunha rede de transporte entre localidades próximas que maximizará a rendibilidade social das propostas, constitúen os piares sobre os que asenta a nova temporada do CDG.

Así, Terceiro acto, interpretada por Belén Constenla, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Mabel Rivera, Fernando Morán e Roberto Leal, xa desenvolveu a primeira parte dos ensaios do 3 ao 18 de setembro, estrearase o vindeiro 15 de abril. Pola súa banda, O charco de Ulises, con Fran Paredes, Óscar Allo, Paulo Serantes, Manuel Millán, Santi Prego, Inés Salvado, Mónica Caamaño, Rosalía Castro, Chusa Pérez e Raquel Espada ensaiarase a partir de outubro para se estrear o 14 de xaneiro do ano que vén. En Serva me, servabo te, traballarán Olga Cameselle, Cristina Sánchez Legido, María García de las Llanderas, Raquel García Crespo e Cristian Fernández Castro que compartirán escena co equipo de dirección do espectáculo, con ensaios que comezarán en novembro para se estrear e distribuír no segundo semestre de 2021.

Coproducións con espazos creativos de Vigo

En paralelo, o CDG está a participar na produción dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco. Ademais de coproducir tres novidosos e proxectos que pasan pola creación colectiva, a investigación escénica e a experimentación, trátase de establecer unha liña de apoio coordenada con estes tres focos de difusión dramática de iniciativa privada, que teñen gran repercusión na cidade e en toda a súa área de influencia e con crecente proxección tamén fóra dese ámbito xeográfico.

A nova temporada complétase con liñas de acción como o incremento de sinerxías conxuntas coa ESAD, a través do deseño duns encontros que sirvan de ponte ao alumnado cara á súa integración profesional, así como a recuperación do Proxecto Nós, de intercambio e circulación internacional de estudantes en materias escénicas. No avance da relación coa escena portuguesa, os lazos continuarán a estreitarse por medio dun programa específico que está a ser artellado xunto ao Instituto Camões.

Nova bolsa de creación e dramaturxia

Continúa tamén o compromiso coa dramaturxia galega actual que preside o programa Dramaturxente, que será aínda máis intenso coa convocatoria dunha nova bolsa de creación e dramaturxia que lle achegue ao sistema teatral galego unha ferramenta global. Esta iniciativa nace do impulso do CDG en colaboración con diversos colectivos, que apoiarán un proxecto en cada unha das súas fases, desde a escrita ata á posta en escena.

Tamén se lle está a prestar unha atención especial á actual celebración do centenario do Salón Teatro, sede do CDG, mediante o programa de concertos Mércores de Varanda , que se prolongarán todo o mes de outubro, e unha intensa carteleira que se abre nas vindeiras semanas a citas como a reposición de catro espectáculos de Teatro do Atlántico por mor do seu 35º aniversario, ás funcións da coprodución con A Quintana Teatro O Premio ou varias sesións programadas no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego.

R., 2020-09-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES