Noticias

Presentado o II Festival Ateneo Barroco, que traerá a Compostela varios concertos de música barroca con intérpretes senlleiros

A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.

A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco grazas á súa inclusión en 'O teu Xacobeo’, o programa da Xunta, de apoio ás actividades culturais e sociais que se desenvolven en Galicia ao abeiro da celebración do Ano Santo e o Camiño de Santiago.

Así, Ateneo Barroco abre a segunda edición de ‘O Teu Xacobeo’, “nun ano complicado”, como sinalou a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, na presentación deste ciclo de concertos e cuxa celebración sinalou como parte destacada xa da axenda anual de actividades culturais de Santiago de Compostela.

Pereira lembrou que este festival naceu precisamente da man de ‘O Teu Xacobeo’, un programa con propostas pequenas e grandes, “pero todas elas feitas desde a cidadanía, das asociacións e co fin de compartilas co público baixo un mesmo sentir, o sentir do Camiño de Santiago”.

Fomento da cultura

A comisaria do Xacobeo 2021 manifestou nesta presentación que para o Xacobeo é un acerto apoiar iniciativas que fomenten a cultura e, en concreto, un festival coma este que abre as portas ao outono , non só a través de concertos, senón tamén moi acertadamente con relatorios e proxeccións, “porque a música vai máis aló da propia música”.

Cecilia Pereira tamén destacou que este é un festival que comparte a multiplicidade, “un aspecto moi do Camiño de Santiago, pola conexión entre compositores galegos ou residentes en Galicia con outros doutros países, o que favorece o intercambio e o debate no marco da Ruta Xacobea”.

“O barroco é sinónimo de Compostela –engadiu a comisaria- e o peregrino que chega ao Obradoiro atopa ese impoñente perfil barroco que o conecta con esa época artística tan florecente e que todos admiramos hoxe”.

A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.

R., 2020-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES