Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo ofrecéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.
Foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro “Don Ricardo de Fingoi”, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido. Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto “Don Ricardo de Fingoi”.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar. As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.
O sector artesán galego volve estar presente nos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con tres candidaturas finalistas na edición deste ano. Trátase do obradoiros de tecido artesanal de Inés Rodríguez (Allariz) e do obradoiro especializado no traballo do coiro Santiago Besteiro (Monterroso), que competirán na categoría Emprendemento, así como a Fundación Artesanía de Galicia, que opta de novo ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Artesanía no Prato, que busca crear sinerxías entre artesanía, deseño e gastronomía.
La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
Do 14 ao 25 de outubro, o Festival Internacional de Teatro en Ourense (FITO) celebrará unha nova edición, a número trece. A cita adaptará a súa programación ás esixencias derivadas da loita contra a pandemia e contará con oito días de programación e once espectáculos que se desenvolverán na cidade de Ourense, como xa é habitual, pero tamén, e como novidade, no concello ourensá de Barbadás. O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a rolda de prensa de presentación do festival, no que colaboran Universidade de Vigo; Teatro Principal; Deputación de Ourense; Agadic e Concello de Barbadás.
A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical. Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG).
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento, organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte. O festival adoptou novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais. Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín.
O xurado da sexta edición do Premio Nortear escolleu a obra “Ganapos” da escritora portuguesa Célia Fraga, como vencedora do galardón deste ano, dotado con 3.000 euros e coa publicación de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués. A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) colaboran no desenvolvemento deste certame destinado a recoñecer as obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores.
« Anterior | 78  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Beleza, verdade é o titulo da antoloxía poética de Ricardo Carvalho Calero realizada por Pilar Pallarés, unha das máis aprezadas discípulas do escritor ao que este ano se lle deica o Día das Letras Galegas. O libro, un proxecto de Chan da Pólvora que se xestou durante varios anos, preséntase este xoves en Compostela, nun acto no que participarán Pallarés e Miguel Anxo Fernán Vello. A libraría do Chan da Pólvora é o lugar da cita. Esta é a segunda ocasión en que Pallarés se enfronta á poesía do autor ferrolán.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle durante toda esta semana o II Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes sobre o Camiño de Santiago. Trátase dunha actividade impulsada pola asociación Kino Galicia , á que asisisten, entre outros, o director e guionista Alber Ponte, a actriz Ana Arias (Cuéntame), a maquilladora Carmen Porto (Vivir sin permiso, Libro de Familia) ou o director e actor Evaristo Calvo (Mofa e Befa), entre outros.
A Orquestra Vigo 430 colabora habitualmente con grandes solistas de talla internacional, e a cita do próximo domingo día 16 é unha das datas destacadas da tempada 19/20. Celébrase o cuarto concerto da mesma, e estará íntegramente adicado á figura de Beethoven. Toda Europa está inmersa na celebración do 250 aniversario do nacemento do compositor de Bonn. A OV430, para celebrar unha cita tan especial, quedou coa mellor das opcións.
Mes a mes dende outubro ata xuño, continúan no Centro Ágora da Coruña as citas mensuais co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo que propón o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS. E este vindeiro luns 10 reunirán a partir das 20:30h dúas voces poéticas que atravesan un dos mellores momentos das súas carreiras. Mentes inquedas e plumas ben recoñecidas das letras arxentina e galega, estamos a falar de Hugo Mújica e de Tamara Andrés.
A peza 'En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic', da compañía da USC servirá o luns 10 de febreiro, ás 21.00 horas, de punto de partida para o XXVI Festival Internacional de Teatro Universitario. O Salón Teatro será a sede deste ciclo que se estenderá ata o venres 14. A obra La isla, da compañía lituana Teatras Studija Palėpė, ocupará a sesión do martes 11. O mércores será a quenda da Aula de Teatro da Universidade de Almería con Nana.
A programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural encherá de vida e arte a cidade ao longo deste ano 2020 coa celebración dunha decena de eventos culturais interdisciplinares, entre os que se inclúen festivais de teatro, encontros de danza, conferencias, escoitas electroacústicas, performances e certames de fotografía e videocreación, ademais de visitas guiadas e 19 concertos estruturados en ciclos de música de cámara e música galega de estilos variados.
A Real Filharmonía de Galicia xunto ao Cuarteto Quiroga serán os responsables de dar comezo a unha nova Tempada de Música Clasica de Afundación, a Obra Social de ABANCA, xunto á Sociedad Filarmónica de Vigo. Ofrecerán un concerto o vindeiro 14 de febreiro, ás 20.00 h, no Teatro Afundación de Vigo. Baixo a batuta de Paul Daniel interpretarán Masquerade, de Anna Clyne, Absolute Jest, de John Adams, e a Sinfonía nº 2 en re maior de L.V. Beethoven.
O Concello de Padrón outorga o XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva ao actor Miguel de Lira. O xurado tomou esta decisión por unanimidade, tras ter analizado as propostas de todos e todas as candidatas presentadas a esta edición do galardón de arte dramático. Os membros deste comité valoraron a súa interpretación en ‘Curva España’, na que, baixo a súa perspectiva, fixo unha importante posta en valor da oralidade en lingua galega.
Este excepcional dúo escocés está formado por dous xenios musicais numerosas veces galardoados, vellos amigos e dous dos mellores músicos da súa xeración, se unen para esta nova demostración dos seus talentos. Ross Ainslie (gaitas, wishtle, cittern) é un dos mellores músicos e compositores tradicionais de Escocia. Tim Edey (guitarra, melodeón) é brillante, en todos os sentidos. O concerto terá lugar o sábado 15 de febreiro ás 20 h no teatro de beneficencia de Ortigueira.
Ao longo do ano 2019 celebráronse no Centro Galego de Arte Contemporánea dez exposicións, moitas delas acompañadas dunha publicación explicativa, e unha trintena de actividades entre as que se inclúen talleres formativos, cursos, visitas guiadas ou xornadas musicais. Esta programación complementouse coa cesión de espazos a outras institucións para a celebración de xornadas, obradoiros, presentacións ou entregas de premios.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES