
As actuacións ao vivo, festivais, cursos, encontros, seminarios e obradoiros creativos promovidos ao abeiro do Lugo Cultural, conforman unha programación ampla e de calidade, que encherá de vida e de arte a cidade amurallada, segundo se puxo de manifesto este xoves na presentación do programa de 2020, no marco dun acto celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo no que participaron a concelleira de Cultura do Concello de Lugo e deputada provincial responsable da mesma área, Tareixa Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación para Cultura, Estudantes, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, e a técnico e programadora da Área de Cultura da USC no campus lugués, Paloma Lugilde.
A programación musical do Lugo Cultural concéntrase en gran medida nos ciclos Músicas a Carón da Mosqueira, que botará a andar este luns 10 de febreiro na Casa do Saber cun concerto de cámara a cargo do Cuarteto Óscar Esplá de Asisa. Os ciclos Lubicán, unha fiestra musical aberta aos novos creadores galegos e en galego, que ten fixada a súa primeira parada o 27 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, o escenario no que WöYZA fará a presentación do seu último traballo Tábula Rasa; e Na Calzada, concibido como plataforma para dar a coñecer artistas noveis lugueses que están a formarse alén das murallas, completan este apartado musical.
O ciclo de cámara Músicas a Carón da Mosqueira está estruturado este ano en seis concertos. Así, ademais da sesión apertura, de febreiro a maio tamén actuarán na Casa do Saber e no Círculo das Artes de Lugo Inés Moreno, Luis Alejandro García, o Coro Universidade de Santiago de Compostela, Trío Schola, ademais do dúo de voz e piano formado por Julia Portela Piñón e Harry Rylance. O cartel de Na Calzada ofrece a posibilidade de gozar nos vindeiros meses do talento musical da pianista Aida Saco, Hit the Beat e a súa Música entre amigos, Silvia Ouro, Marta García e Álvaro Gay, así como das producións de Son de Corda.
O Lubicán mantén catro citas no calendario de 2020. Así, logo do concerto de WöYZA, MJ Pérez visitará en marzo o Círculo das Artes para presentar A luz prendida. Agoraphobia traerá en abril Unaligned á Praza de Santa María, o mesmo escenario no que Best Boy pechará o Lubicán en maio.
O Lubicán íntimo ofrece tamén a posibilidade de gozar de dúas novas citas musiciais na Casa do Saber, onde Pablo Sanmamed Trío presentará o 14 de febreiro 16/046. Este mesmo espazo acubillará en marzo unha actuación de Rafa Martínez. María Roja e María Chiginskaya abren 13 de febreiro os Xoves de Moda, con Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov. Plástica&Sonora. Diálogo entre a música e a creación escénica contemporánea, a cargo de Marta Pazos e Hugo Torres; a gravación en directo de Lume: Vello Cárcere, a cargo de Telémaco, e a actuación Colapso Jam, de Lctrct Dj, completan o cartel.
O Festival de Teatro Universtiario, que se celebrará do 26 ao 31 de marzo, e no marco do que a compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Sergio Zearreta, presentá Ubu Rei; o Encontro de Danza, que terá lugar os días 27 e 28 de marzo no Vello Cárcere; unha nova edición do Curso de Primavera, o maratón cinematográfico FindeCurta e o obradoiro de música experimental Son Creativos, son, ademais do Maratón Fortográfico, outros dos eventos integrados no Lugo Cultural. A programación de 2020 volve a apostar polo programa Noite na Domus, que inclúe visitas musicadas ao xacemento da Domus do Mitreo o 13 de marzo, 3 de abril e 15 de maio.
Unha vez debullada a programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural en 2020, Varela Zapata sinalou como novidades da oferta deste ano a renovación da imaxe que de sempre tivo o convenio Lugo Cultural, así como a crecente presenza de artistas femininas ou a vixencia da aposta por fusionar universidade e sociedade a través de eventos culturais no casco histórico lugués. A concelleira de Cultura do Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Tareixa Ferreiro, salientou asemade que a calidade e a diversidade das citas artísticas e culturais incluídas nesta edición do Lugo Cultural conforman unha axenda de entidade para atraer xente de fóra ata a cidade e incluso para que prolonguen a súa estadía en Lugo.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.