Noticias

La Quintana Teatro presenta no Salón Teatro o espectáculo 'O Premio' en coprodución co Centro Dramático Galego

La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.

No equipo artístico e técnico, atópanse tamén Marisa de Laiglesia (escenografía e vestiario), Javier Quintana (deseño de iluminación), Anxo Outumuro (técnico de luces), Lucía Estévez (vídeo), José Luis Fraga (creación sonora) e María Moral (distribución).

Ideada como creación colectiva, O Premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo, onde é o público quen decide que concursante merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”.

Interacción directa co público

A interacción cos espectadores é clave no desenvolvemento deste programa e, xa que logo, do espectáculo, no que o traballo actoral e de investigación arredor das novas formas teatrais se apoia nos vídeos a través dos que se comparte a vida dos protagonistas.

O Premio é o quinto espectáculo de La Quintana Teatro. A compañía coruñesa, que comezou a súa traxectoria hai 12 anos co gran éxito de público e crítica de Desde lo invisible, Premio MAX 2008 ao mellor espectáculo revelación, continuou avanzando no seu traballo de creación colectiva e investigación en títulos como Innómines, Realidade e O bolso ou a vida. En 2018 reestreou no Teatro Valle-Inclán do Centro Dramático Nacional Desde lo invisible, co que fixo unha estadía en El Pavón Teatro Kamikaze de Madrid, ademais de visitar tamén con esta montaxe o Salón Teatro, entre outros espazos dentro e fóra de España.

O Centro Dramático Galego participou en réxime de coprodución en O Premio, espectáculo ao que lle abrira tamén as portas do Salón Teatro como residencia artística. Así, o CDG prestoulle apoio económico e técnico á compañía para a súa nova montaxe, ademais de cederlle as súas instalacións para ensaiar e estrear o pasado mes de marzo, evento que tivo que ser suspendido ao decretarse o estado de alarma.

Despois da súa reprogramación, as novas funcións no Salón Teatro de Santiago de Compostela serán o día 17 de outubro ás 20,30 h., e o do domingo 18 ás 18.00 h. As localidades poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase e de xeito anticipado a través da web e do teléfono de venda de entradas de Abanca.

R., 2020-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES