
No entanto, repartiranse aos asistentes ao final de cada actuación para que as degusten ou preparen na casa e cumprir, deste modo, coas medidas de seguridade sanitaria da covid-19. Do mesmo xeito, a participación nos Magostos realizarase de acordo cos requirimentos hixiénico-sanitarios.
O Museo Centro Gaiás repite como escenario destes tres Magostos que comezarán ás 20 horas e cuxas entradas están á venda en formato individual ou dobre en www.ataquilla.com ou na páxina web da cidadedacultura.gal cun prezo de 5 por persoa.
Luar na lubre
A formación, nada na Coruña en 1986 coa vocación de dar a coñecer a música e a cultura tradicionais galegas, conta cun repertorio baseado fundamentalmente na música de raíz. Actualmente é unha das banda máis internacional de Galicia e ten actuado en distintos países como Canadá, Alemaña ou Arxentina. Aos Magostos no Gaiás traen o seu último traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias dos seus camiñantes.
Sumrrá
Tras dezanove anos xuntos, seis discos editados e centos de concertos, Sumrrá é unha referencia do jazz contemporáneo e, sen dúbida, un dos tríos máis interesantes da escena jazzística española. Dende os seus inicios no ano 2000, cativou á crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, o alto nivel dos seus músicos e a frescura dos seus directos.
Milladoiro
O grupo galego de música folk celta máis valorado e recoñecido internacionalmente. Nado a finais da década de 1970 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. A formación está considerada unha das máis importantes no eido da investigación de novas sonoridades para o folk galego. Entre os seus múltiples recoñecementos atópanse os premios da Crítica e da Música e as Medallas Castelao e de Galicia. Este concerto no Gaiás inclúese dentro da programación dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.