
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu hoxe o consello asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un novo órgano que ten como finalidade prestar asesoramento sobre todos os asuntos relacionados co museo.
Os participantes nesta primeira reunión, presidida polo titular de Cultura e Turismo, tiveron a oportunidade de avanzar nas principais liñas estratéxicas para este ano e de avaliar as actuacións realizadas no 2019, cando se recibiron no Centro Galego de Arte Contemporánea preto de 60.000 visitantes. Neste marco, Román Rodríguez puxo de manifesto a importancia do CGAC dentro do Xacobeo 2021, unha celebración que se mostra como unha oportunidade para todos os sectores da sociedade e na que a cultura está chamada a ter un papel protagonista. Un dos retos do Centro Galego de Arte Contemporánea para o vindeiro ano pasa pola planificación de actividades que, no marco do Ano Santo, lle dean protagonismo a esta institución, explicou. Nesta mesma liña, Román Rodríguez avogou por xerar, xunto co Museo do Pobo Galego un polo tractor para a cultura e o turismo nesta parte da cidade.
A apertura de dúas novas sedes do Centro Galego de Arte Contemporánea nas cidades de Lugo e Vigo foi tamén un dos puntos destacados nesta primeira sesión. Trátase dun proceso de implantación no territorio que nunca se abordara antes e que levaremos a cabo a partir da rehabilitación de inmobles degradados que adquirirán un valor icónico relacionado coa creación contemporánea, explicou Román Rodríguez. O que se pretende con este proxecto é establecer un diálogo cos sectores artísticos locais para que complementen a oferta cultural dispoñible e que principien novos procesos creativos.
Por outra banda, o titular de Cultura e Turismo informou aos membros do consello sobre o estado da primeira lei de museos, un texto que está xa no Parlamento de Galicia para o seu debate e no que se plantexa a creación dun sistema galego de museos e a posibilidade da creación de redes de museos en funcións de afinidades temáticas.
Balance do ano 2019
Ao longo do ano 2019 celebráronse no Centro Galego de Arte Contemporánea dez exposicións, moitas delas acompañadas dunha publicación explicativa, e unha trintena de actividades entre as que se inclúen talleres formativos, cursos, visitas guiadas ou xornadas musicais. Esta programación complementouse coa cesión de espazos a outras institucións para a celebración de xornadas, obradoiros, presentacións ou entregas de premios.
Redes sociais
O consello asesor do CGAC tamén tivo oportunidade de analizar a presenza desta institución nas redes sociais. O Centro Galego de Arte Contemporánea dispón de perfís nas principais plataformas como Facebook, Twitter e Instragram e conta cunha comunidade sólida formada por preto de 25.000 persoas.
Aínda que a meirande parte destes usuarios proceden de Facebook, os datos do ano 2019 amosan un gran crecemento en Instagram, a rede máis popular a día de hoxe. Ao marxe das cifras, a análise cualitativa dos resultados en redes sociais tamén amosan a calidade, implicación e integración do público nas redes sociais.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.