
O desenvolvemento desta versión ampliada de Cultura no Camiño, para o que se volveu contar co patrocinio de Gadis, articulouse a partir dunha convocatoria de subvencións mediante a que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asumiu entre o 60% e o 80% dos custos das contratacións artísticas, en función do número de habitantes dos municipios. Coa seguridade do público e dos artistas como prioridade, finalmente foron 133 dos 150 concellos subvencionados os que conseguiron levar adiante a súa oferta cultural ao abeiro desta iniciativa, de xeito que o investimento total se achegou aos 764.000 euros, dos que un 70% foi asumido pola Xunta (530.000 euros).
Espectáculos máis contratados
Na ampla listaxe de artistas e compañías que lle deron forma a esta oitava edición do circuíto, sobresaíron en canto a número de contratacións os distintos espectáculos teatrais producidos por Culturactiva, os concertos de Carlos Núñez, Odaiko e Fanfarria Brassica Rapa, as propostas de novo circo de N+1 Teatro Circo Danza, Desastronauts e Pistacatro, e a maxia de Micromaxias, Mago Teto e Dani García.
En canto ás modalidades artísticas, no cómputo final destacaron as representacións teatrais, con 142 funcións e os espectáculos musicais, con 129 concertos. Ademais, o público infantil e familiar foi un dos principais destinatarios desta oferta, con 236 actuacións de diferentes xéneros musicais e escénicos, mentres que a programación para público adulto sumou 174 citas.
Cultura no Camiño+ afondou así na finalidade coa que o programa botou a andar en 2013, inicialmente nos concellos situados no Camiño de Santiago, e especialmente necesaria na actual situación provocada pola coivid-19: impulsar a contratación de espectáculos galegos e contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, con especial fincapé nos de menor poboación e recursos. De feito, a gran maioría dos concellos participantes na edición de 2020 contan con menos de 20.000 habitantes.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.