//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro. A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Poderase así gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención. As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual.
Inaugurouse no Museo do Mar de Galicia a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía viguesa, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas. A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
As Festas do Apóstolo en Santiago serán por segundo ano consecutivo o marco de celebración do Compostela TradFest, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun intenso programa coa música de raíz como protagonista. O evento terá lugar o vindeiro domingo día 26 no parque de Bonaval, na praza da Quintana e nas rúas da cidade, que acollerán unha vintena de concertos, bailes, ruadas e cursos, ademais dunha mostra de instrumentos musicais e unha feira de libros e discos. O resto dos concertos do TradFest concentraranse nos diferentes escenarios do parque de Bonaval: Espazo Arcos con Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo, e a igrexa de Bonaval con Iván Vilela, Fernando Barroso, Pärbo (Pintos & Riobó) e Abraham Cupeiro.
O Museo Centro Gaiás exhibe desde hoxe Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha exposición organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa", en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021. A mostra convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema e a unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no propio desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, poderanse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.
O Selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade; que procuran a compensación de desigualdades con fórmulas de aproveitamento dos recursos a través de medidas específicas, de carácter estrutural e sistemático; e que contan con alumnado voluntario e, tamén, con familias colaboradoras da biblioteca, en labores de xestión e dinamización. Cada centro recibirá un diploma acreditativo ademais dunha asignación de 1.500 euros que deberá ser destinada a actividades da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.
Finalizado o prazo de votacións, danse a coñecer os tres finalistas que actuarán en 2021 no Festival Internacional del Mundo Celta de Ortigueira. Esta edición do proxecto Runas de novos valores da música celta bateu todas as marcas de participación nos seus 20 anos de historia, tanto na participación de candidatos (35 bandas) como dos países de orixe, así como de votacións, contabilizándose máis de 110.000 votos de todas partes do mundo a través da web do festival. Os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na web do evento, e as outras catro dun xurado formado por músicos e profesionais do sector, que analizaron a relación de cada proposta coa filosofía e tradición musical do festival, en sintonía coa programación do evento de 2021.
Atardecer no Gaiás -o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- apostará pola músicas urbanas e en galego do dúo compostelán Verto para musicar o solpor de mañá e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza -limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes- na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia , e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos estanse a celebrar ás 21,00 horas os xoves ata o 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.
A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 29 de xullo ás 21,00 horas o macroespectáculo de La Fura dels Baus NN (Nova Normalidade), unha proposta dirixida por Carlus Padrissa coa que a compañía catalá recoñece o traballo do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. O espectáculo contará coa participación de máis dunha vintena de artistas galegos, que nesta función en Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes, e tamén coa colaboración de entidades locais.
Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes. Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector. A ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas.
Música, viño, gastronomía e patrimonio son os catro piares dun festival que regresa do 31 de xullo ao 2 de agosto coa súa cuarta edición, máis íntima, máis próxima. Unha cita que servirá para ir recuperando aos poucos o turismo de proximidade e levar a cultura en vivo aos recunchos máis máxicos da Ribeira Sacra; pero tamén, unha maneira de agradecer todo o apoio recibido por parte do público e sobre todo, o compromiso co territorio. E neste ano tan atípico, a seguridade e a saúde de todos os asistentes e profesionais que estarán na Ribeira Sacra esa fin de semana será unha das súas prioridades. O Festival volve contar un ano máis co patrocinio de Cervezas Alhambra, formando parte de Momentos Alhambra. Un ciclo que nace da paixón da cervexeira pola música e polo descubrimento de creacións auténticas, feitas para gozar cos cinco sentidos.
O vindeiro día 16 de xaneiro abrirase no Museo do Pobo Galego a exposición das dúas series gañadoras e as finalistas do XIV Premio Ksado de fotografía da Deputación da Coruña. A colección "Fillos de Breogán" do lugués Alejandro Real e "Gangborder" de Javier Arcenillas, gañadores do certame, poderanse ver en Santiago até o vindeiro 18 de febreiro nunha itinerancia que visitará dez concellos da Coruña.
O 31 de xaneiro de 2020 cumpriranse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal Ponte, licenciada en Dereito, xornalista, escritora e unha das pioneiras do feminismo en España. Co gallo deste aniversario, a USC desenvolverá en 2020 o ano Concepción Arenal a través dunha nutrida axenda de actos. Malia que este é un proxecto colectivo e aberto á participación doutras entidades, a Universidade traballa xa, xunto con estas institucións, no desenvolvemento de diferentes iniciativas.
Foi inaugurada en Portomarín (Lugo) a mostra itinerante 'O Fin do Camiño', organizada polo Colectivo Egeria coa colaboración de GaliciaDigital. Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Esta mostra contén o traballo realizado polos ilustradores galegos Laura Cortés e Fran Bueno e polos portugueses Eduardo Porto e Fátima Bravo, durante a residencia artística realizada na illa de San Simón en setembro e que estivo coordinada por Matilde Rodríguez. Nese encontro, ademais de realizar obras, impartiron diferentes obradoiros para alumnado das escolas de artes Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso da Coruña, así como do máster do Libro Ilustrado da facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A obra 'Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís', resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que convocan conxuntamente a Consellería de Cultura e Turismo e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcoficción.
Este venres presentarase na exposición Valente e a unidade das artes, que se exhibe no Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, o libro Poemas a Valente, onde o poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas (Brasil), compilou numerosas composición dedicadas ao autor ourensán durante os séculos XX e XXI. Como todos os libros da Cátedra Valente, este leva na cuberta a reprodución dunha obra de arte afín á estética do poeta, neste caso da artista galega Julia Huete.
A música vertebra e estrutura B.S.O. Banda Sonora Orixinal, por cuxa partitura discorren a modo de notas discordantes unha serie de personaxes cun certo pasado pero cun incerto futuro, sempre tentando encaixar nos espazos e nas liñas xustas do pentagrama. Unha estrutura traballada con prosas que se enlazan entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras de xeito que os distintos capítulos se suceden coma se fosen escenas curtas dunha película.
Co lema Cultura ata a medula, o folclore chega un ano máis ao Concello de Ramirás, que acolle este ano a súa décimo terceira edición do Festival Internacional Rebulir (FIR). Convértese novamente no berce do certame que avoga dende os seus inicios por achegar mostras da cultura e tradición a todos os públicos, cunha gala central o sábado 21 no complexo polideportivo de O Picouto. En canto ás novidades desta XIV edición, destaca o actor Pepe Penabade como presentador da gala central.
A obra Las damas del canapé, de Juan Carlos Fernández León, é a gañadora do concurso de narrativa XXX Premio Literario Camilo José Cela. O xurado do certame tomou o acordo por unanimidade, tras varias valoracións e votacións, na súa reunión deste mediodía no Salón de Plenos do Concello de Padrón. Ao concurso presentáranse un total de 148 relatos. Las damas del canapé, que se presentou co lema Ana Celeste, foi valorada pola súa orixinalidade e estrutura.