Noticias

O Gaiás acolle 'Cinema e emocións', unha viaxe á infancia a través de fondos da Cinémathèque française

O Museo Centro Gaiás exhibe desde hoxe Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha exposición organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa", en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021. A mostra convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema e a unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no propio desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, poderanse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez agradeceu á Fundación ”la Caixa” a súa “colaboración e aposta polo Xacobeo 2021, no marco do que o público galego poderá desfrutar de iniciativas culturais como esta exposición, que trae a Galicia máis de 230 pezas procedentes das coleccións de La Cinémathèque française, consideradas das mellores do mundo no ámbito cinematográfico, así como dos fondos persoais de cineastas e coleccionistas”.

O titular de Cultura en funcións do Goberno galego destacou tamén que esta mostra “afonda na liña de traballo iniciada en 2014 coa exposición Cinegalicia25 e dedicada á sétima arte, que naquela ocasión propuña no Museo Gaiás un percorrido por un cuarto de século do noso audiovisual, partindo da estrea en 1989 das tres primeiras longametraxes de ficción galegas”. Neste sentido, Román Rodríguez quixo destacar os dous filmes galegos lembrados nesta exposición: A lingua das bolboretas e Todos vós sodes capitáns, incluídos na escolma de grandes e icónicas obras da historia do cinema, onde tamén atopamos desde O ladrón de bicicletas, Tempos Modernos, Cinema Paradiso ou Os 400 golpes ás máis contemporáneas E.T. ou Parque Xurásico.

Patrocinio do Xacobeo 2021

Durante a inauguración da mostra, o delegado territorial de CaixaBank en Galicia e Castela León, Marc Benhamou Gallego, expresou pola súa banda o seu desexo de que “esta exposición permita, por un lado, achegarnos cara a esa normalidade que desexamos recuperar, e, por outro, axudar na proxección dun Xacobeo 2021 no que estamos profundamente implicados”. O pasado mes de marzo, a entidade anunciou un investimento de cinco millóns de euros para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, colaboración que inclúe tanto o apoio a iniciativas da Xunta de Galicia como a organización de actividades culturais propias da Fundación ”la Caixa” no marco do Ano Santo.

No acto, que tamén contou tamén coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e da delegada de la Fundación ”la Caixa” en Galicia, Susan Santos, proxectouse ademais un vídeo da directora do Servizo Educativo de La Cinémathèque française e comisaria da mostra, Gabrielle Sébire, que non puido estar presente fisicamente en Santiago de Compostela debido ás restricións da covid-19. Na súa intervención, a comisaria quixo convidar a todo o público a “descubrir a gran importancia dos cativos no cinema, que os filmou desde as súas orixes en todos os continentes, en todas as épocas e en todos os tipos de cinema, e a viaxar polas emocións que experimentan, senten e expresan os cativos tal e como os plasmou a sétima arte”.

Ata xaneiro do vindeiro ano

A mostra que se poderá visitar no terceiro andar do Museo Centro Gaiás a partir de hoxe e ata o 10 de xaneiro de 2021, propón unha viaxe para percorrer o camiño de nenos e nenas nos filmes, a través de películas de diferentes xéneros e medios creativos –animación, ficción, documental…– que datan desde as orixes do cinema ata os nosos días e proveñen de distintas latitudes, o tamén que nos ofrece unha visión da historia da sétima arte e dos distintos xeitos de contar historias en diferentes culturas e contextos. A exposición desvela tamén os misterios da creación cinematográfica e as distintas formas que esta ten de xerar fascinación, de forma que a viaxe é dobre: cara aos días da propia infancia e cara aos segredos da produción cinematográfica.

Con esta proposta, o Gaiás quere ofrecer tamén un plan en familia no que a cativada poderá descubrir a maxia do cine e as persoas adultas poderán revivir os filmes que marcaron a súa propia infancia, como Mary Poppins, The Kid, A bela e a besta ou Só na casa.

A exposición que agora chega á Cidade da Cultura expúxose con grande éxito en La Cinémathèque française no ano 2017, e itinerou posteriormente nos centros CaixaForum de Sevilla, Zaragoza, Girona, Lleida, Tarragona e Málaga.

Primeira exposición tras a covid-19

Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia é a primeira exposición que inaugura o Museo Centro Gaiás tras a covid-19. Co obxectivo de recuperar a programación cultural en condicións de seguridade para todas as persoas visitantes, tomáronse medidas como a eliminación das entradas e folletos de sala en papel –substituíndoos polo seu equivalente dixital– a obriga no emprego de máscaras de protección e no mantemento da distancia social, a dotación de xel hidroalcólico á entrada da sala, ou a realización dunha montaxe en sala que facilite a circulación das persoas visitantes mantendo as distancias de seguridade.

R., 2020-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES