Noticias

La Fura dels Baus traerá o 29 de xullo a Galicia o seu novo macroespectáculo sobre a loita contra a pandemia

A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 29 de xullo ás 21,00 horas o macroespectáculo de La Fura dels Baus NN (Nova Normalidade), unha proposta dirixida por Carlus Padrissa coa que a compañía catalá recoñece o traballo do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. O espectáculo contará coa participación de máis dunha vintena de artistas galegos, que nesta función en Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes, e tamén coa colaboración de entidades locais.

O espectáculo foi presentado hoxe en rolda de prensa polo director da peza e director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo. “Con este espectáculo, ideado e producido durante o confinamento, La Fura proponse homenaxear, desde o ámbito da cultura, a todo o persoal sanitario ou que traballa en tarefas dirixidas a protexer a saúde da cidadanía, desde persoal de limpeza, a equipos científicos, celadores, persoal de enfermería e medicina, terapeutas, traballadores sociais, condutores de ambulancia, ou farmacéuticos”, asegurou Padrissa. Ademais, o director artístico da compañía catalá sinalou que a peza “realiza un chamamento a remar todos na mesma dirección ante as grandes ameazas da Humanidade, desde pandemias como a do coronavirus, ao cambio climático”.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta destacou que este macroespectáculo será unha oportunidade “para dar visibilidade ao talento galego no campo das artes escénicas, exemplificado nos artistas que para esta función se incorporan ao elenco”. Ademais, subliñou que esta proposta escénica “exemplifica a linguaxe propia, excentricidade, ritmo, misticismo e transgresión que están na cerna da compañía, conformando un selo indiscutible do éxito e recoñecemento internacional de La Fura”.

Obxectivos de Desenvolvemento

NN (Nova Normalidade) toma como punto de partida a loita contra a covid-19, trazando un paralelismo entre os sanitarios e científicos do momento actual e os exploradores que séculos atrás abriron novas rutas marítimas ata conectar todos os océanos e circunnavegar o planeta demostrando que a Terra é esférica. Con esta peza, La Fura capta ademais a nova normalidade como un berro unánime para que a Humanidade se una na consecución dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). A proposta, que integra música, canto, actuación e performance baixo a icónica linguaxe fureira conta coa voz da soprano Alba Fernández Cano, e a música do guitarrista Pep Mendoza.

O espectáculo, promovido pola Fura dels Baus, conta con colaboración da Cidade da Cultura a través da cesión da praza para a súa representación. As entradas xa se poden mercar na web www.lafura.com a un prezo de 25€. Os ingresos pola venda de entradas corresponderán a La Fura dels Baus, quen anunciou que destinará unha parte do que recaude a colaborar con iniciativas de investigación e loita contra a covid-19.

Nova Normalidade vén de estrearse os días 3 e 4 de xullo no recinto modernista do Hospital de Sant Pau de Barcelona, no marco do festival Cruïlla XXS. O 10 e 11 de xullo recalou no Hospital de Igualada, para emprender a continuación unha xira por recintos de todo o país, que ademais de Galicia inclúe paradas en Madrid ou Cantabria.

Protocolos de seguridade

NN (Nova Normalidade) será o primeiro espectáculo de gran formato tras o Estado de alarma que chega á Cidade da Cultura, aproveitando as posibilidades que ofrecen os seus amplos espazos exteriores. A representación desenvolverase no medio dun estrito protocolo de seguridade e hixiene, no cumprimento das medidas de prevención esixidas nesta etapa poscovid-19. O público sentarase en cadeiras con separación de 1,5 metros entre elas, nunha función que terá lugar ao aire libre, na praza central da Cidade da Cultura, coa consigna de manter en todo momento a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar. Ademais, tampouco haberá programa de man impreso e recoméndase consultar toda a información no seu formato dixital en www.cidadedacultura.gal e www.lafura.com.

Sobre La Fura dels Baus

La Fura dels Baus foi pioneira en reconceptualizar dous dos aspectos máis importantes de todo arte dramático: o espazo e o público. Así, respectivamente, redefiniron os escenarios – trasladándoos a espazos non convencionais– e mudaron de pasivo a activo o papel do público. Coa inquedanza e a necesidade constante de explorar novas tendencias artísticas desenvolveron, mediante un proceso de creación colectiva, unha linguaxe, un estilo e una estética propios que souberon levar a diferentes xéneros: a arte escénica, a ópera, o cinema ou o macroespectáculo.

Carlus Padrissa, director do espectáculo NN (Nova Normalidade), é un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea ademais un dos proxectos máis ambiciosos da Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas.

R., 2020-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES