
A Biblioteca Municipal Varela Jácome de Lalín acollerá o venres a presentación do libro gañador do IV Concurso Balbino de Relatos, B.S.O. Banda Sonora Orixinal, da autoría de Pablo Nogueira. O acto contará coa presenza do profesor e escritor Xoán Carlos García Porral; a tamén profesora e escritora Charo Golmar; o presidenta da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; a concelleira de Cultura do Concello de Lalín, Begoña Blanco; e o autor do libro, Pablo Nogueira.
A obra
A música vertebra e estrutura B.S.O. Banda Sonora Orixinal, por cuxa partitura discorren a modo de notas discordantes unha serie de personaxes cun certo pasado pero cun incerto futuro, sempre tentando encaixar nos espazos e nas liñas xustas do pentagrama.
Unha estrutura traballada con prosas que se enlazan entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras de xeito que os distintos capítulos se suceden coma se fosen escenas curtas dunha película, pequenos fragmentos dunha mesma historia pero sempre cosidos polo fío da música, sendo o cine o outro eixo esencial desta obra.
Unha unión entre a música e o cine nun marco xeográfico particular e nun contexto social moi concreto, que fai ás veces de fonte de inspiración esencial para unha novela marcada pola calidade e eficiencia da súa escrita nunha intelixente integración de abondosas referencias ao mundo musical e cinematográficas.
Colaboracións
Este libro, publicado por Edicións Fervenza, foi a obra que resultou gañadora do Concurso Balbino de Relatos, no que colaboran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, o Concello de Boqueixón, o Concello de Vila de Cruces e a Fundación Xosé Neira Vilas.
Pablo Nogueira (O Carballiño, 1987)
Influído polos seus irmáns comeza, xa de cativo, unha gran paixón pola música e a lectura que desembocará nun amor incondicional polos libros.
En Compostela estuda Maxisterio, Psicopedagoxía e Mestrado en investigación en educación, diversidade cultural e desenvolvemento comunitario. Exerce de mestre no ensino público e compaxina esta labor coa súa afección á música, dentro da banda de rock Susie Qs, colaborando tamén no proxecto instrumental Acuario Sonoro.
A súa faceta literaria chega coa publicación de dous títulos infantís para a estimulación da linguaxe oral en galego, Nube Branca quere ser astronauta (Baía Edicións, 2018) e A banda de Raimunda (Baía Edicións, 2019). Actualmente vén de gañar o IV Concurso Balbino de Relatos coa obra B.S.O. Banda Sonora Orixinal (Edicións Fervenza, 2019).
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.