Notas de prensa

Carmen Blanco publica 'Letras Lilas' en 'Unión Libre'

A escritora Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades da USC, vén de publicar a súa obra Letras lilas no número 24 de Unión libre. Cadernos de vida e culturas. Letras lilas reúne numerosos ensaios sobre escritoras galegas, como Rosalía de Castro, Pura e Dora Vázquez, María Mariño, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres, ás veces en relación con outros escritores, como Juan de la Cruz, Virginia Woolf, Ricardo Carballo Calero, Eugenio Granell ou José Ángel Valente.

Carmen Blanco publicou ensaio, poesía e narrativa, en moitos casos, rompendo os límites dos xéneros. Como ensaísta é autora de numerosas obras sobre poder, memoria, muller, sexo e cultura, entre elas Literatura galega da muller, Nais, damas, prostitutas e feirantas, O contradiscurso das mulleres, Mulleres e independencia, Sexo e lugar ou Feministas e libertarias. Publicou tamén traducións, por exemplo de Safo ou de poesía galega na mostra Extranjera en su patria en Galaxia Gutenberg, o libro Conversas con Carballo Calero e moi numerosas monografías e edicións de autores galegos. Como poeta deu a coñecer Estraña estranxeira, Un mundo de mulleres e Lobo amor, e, como narradora, a recreación de contos clásicos Vermella con lobos e a novela de microrrelatos Atracción total.

Unión libre edita cadernos de creación e pensamento abertos aos temas máis vitais e interculturais de Galicia e do mundo: mulleres, paz, memoria histórica, celtismo, erotismos, canción, cinema, anticolonialismo, vangarda, sempre dende unha perspectiva de avanzada libertaria e integral. Coordinada dende 1996 por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer e ilustrada por Sara Lamas, naceu cun comité de redacción internacional formado por Xosé Luís Axeitos, Vsévolod Bagno, Diana Conchado, María Lopo, Carme Junyent, Lily Litvak, Kathleen N. March e Olga Novo. Contou coa presenza galega de numerosos artistas e escritores -Isaac Díaz Pardo, Luz Pozo Garza, Santiago Lopo-, así como coa colaboración de intelectuais residentes fóra de Galicia como Noam Chomsky, José Ángel Valente, Juan Goytisolo, Antonio Gamoneda, Joan Brossa, Ana Hatherly, Sergio Lima ou Kenneth White. Presentou ademais tradución ao galego de textos tan significativos como os clásicos eróticos latinos e outros de Hölderlin, Rimbaud, Dylan Thomas ou, no penúltimo número, da poesía romanesa a cargo de Adina Ioana Vladu no seu Calidospio romanés.

Carmen Blanco, 2020-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES