Notas de prensa

Dez anos explorando as 'fugas e interferencias' da arte de acción

Da man do grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes, nacía no ano 2016 o congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias, co obxectivo de promover a investigación académica sobre a performance, unha arte que non deixa unha obra de carácter permanente e que fora pouco abordada en España desde o punto de vista teórico.

Impulsado coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o congreso converteuse ao longo desta década “nun espazo de pensamento crítico e de encontro entre artistas, investigadoras e institucións que traballan arredor das prácticas performativas contemporáneas”, como sinala a investigadora e comisaria Marta Pol, codirectora deste foro académico xunto ao profesor de Belas Artes Carlos Tejo.

Seguindo esta liña de traballo, a International Performance Art Conference desenvolverá a súa décima edición entre o 6 e o 8 de novembro na sede da Vicerreitoría e no CGAC, coa participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Reino Unido e México e combinando no seu programa as conferencias e a presentación de estudos coa práctica da performance.

“A traxectoria do congreso foi, en si mesma, unha fuga: un proceso de desprazamento, de apertura e de experimentación constante”, destaca Pol destes dez anos de historia. “Celebrar esta décima edición significa recoñecer a rede de persoas, afectos e colaboracións que o fixeron posible, e reafirmar a vontade de seguir pensando a arte de acción desde a porosidade, a crítica institucional e a atención aos contextos en transformación”, subliña esta investigadora.

Investigación en “territorios híbridos”

Fugas e Interferencias fixo posible nestes anos a publicación de 118 estudos, asinados por investigadores e investigadoras de máis de dez países. A estes sumaranse os 13 seleccionados polo comité científico para esta décima edición, que serán presentados por investigadores e investigadoras de seis universidades españolas, da Universidade de Coimbra, do Insituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos, da británica University for the Creative Arts de Cantembury e da Universidad Autónoma de Nuevo León (México). “Neste percorrido, aprendemos que a interferencia, aquilo que desestabiliza, que interrompe ou que xera fricción, é tamén un motor de coñecemento e de comunidade”, engade Pol respecto da traxectoria dun congreso, que puña o seu foco na análise dos novos comportamentos da arte de acción e foi progresivamente ampliando os seus eixes temáticos.

Nese senso, tanto as interaccións da arte de acción co contexto político ou a súa interacción con outras disciplinas, como a reflexión teórica e os proxectos de comisariado centrarán as cinco mesas de presentación de comunicación dunha edición na que obsérvase unha clara consolidación de liñas de investigación que vinculan a práctica performativa cos estudos sobre arquivo, memoria e procesos de investigación artística”, destaca Pol. Nese senso, varias das comunicacións abordan a performance “non só como un medio expresivo”, senón tamén como unha vía para “xerar coñecemento e activar criticamente os relatos históricos e culturais”, mentres que outras reflexionan sobre o comisariado e a exposición “como un espazo de experimentación e de pensamento en acción”, amosando “unha ampliación do campo dos estudos performativos cara territorios híbridos”.

Tres xornadas en Pontevedra e Santiago

Fugas e Interferencias inaugurará a súa décima edición na Casa das Campás, na tarde do xoves 6. Tras esta terá lugar a primeira mesa de presentación de estudos, centrada nas interaccións da performance co contexto político, completándose esta xornada cunha performance de William Evans Vinuesa na Facultade de Belas Artes. Estudante da materia Proxectos de Arte de Acción, proporá nesta acción “unha metáfora” que terá o seu “elemento central” no viño, adianta Tejo.

Xa o venres, o congreso traslada a súa actividade ao CGAC, onde terán lugar dúas novas mesas de comunicacións, xunto cunha conferencia do profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, quen reflexionará sobre o termo “expandido” na arte contemporánea, como “un territorio no que os límites das disciplinas conflúen, dialogan ou pérdense”, salienta Tejo.

Esta segunda xornada pecharase cunha performance de Artur Tajber, un artista polaco cunha extensa traxectoria no eido da arte de acción quen presentará James´s Table, unha peza inserida no seu ciclo Timemit. Profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia, Tajber desenvolve desde hai máis de 15 anos un ciclo de obras conectadas pola “idea do tempo” e que toma o seu nome dun xogo de palabras “que fai alusión a actividades simples e repetitivas”, que o artista rexistra en tempo real para logo xerar uns “bucles temporais” que conecta nas súas performance “coas realidades do ambiente e do lugar”.

Xa o sábado, o congreso pechará a súa décima edición con dúas novas e mesas e cunha conferencia de Myriam Rubio, curadora do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba). A súa intervención toma como punto de partida “dúas experiencias expositivas” desenvolvidas neste museo, unha mostra retrospectiva de María Teresa Hincapié e un proxecto co colectivo Circo Interior Bruto, co propósito de “achegar unha reflexión sobre os modelos curatoriais e arquivísticos que permiten indagar en obras e procesos baseados na acción, na presenza e na experiencia”, convidando a pensar no arquivo “como un espazo vivo, capaz de producir coñecemento”, destaca o codirector deste congreso.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES