
Entre os especiais de setembro, atópase por exemplo o ciclo Pioneiras do cine, a través do que o CGAI busca recuperar do esquecemento as cineastas dos inicios do cinema e da industria hollywoodiense, onde o seu papel foi menos recoñecido que na animación ou no ámbito experimental. Os filmes de Lois Weber, coa proxección esta tarde de The Blot (1921), Ruth Ann Balwin e Mabel Normand o día 16, e Alice Guy Blaché o 23 de setembro protagonizan esta primeira quenda da serie, que a filmoteca galega continuará desenvolvendo durante os vindeiros meses.
'Women Make Film'
Esta aproximación ás miradas femininas no cinema inclúe a serie documental Women Make Film, de Mark Cousins, que consta de 40 capítulos nos que se empregan exclusivamente secuencias rodadas por mulleres para abordar moi diferentes preguntas arredor do oficio cinematográfico: como se fai un bo plano de apertura, como se encadra unha imaxe, como se presenta unha personaxe, como se roda o sexo, a danza ou a morte, como se representan o traballo e o amor no cine, ou como funcionan os xéneros como a comedia, o melodrama ou a ciencia ficción, entre outras. O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta este mes unha primeira quenda de capítulos, agrupados en catro sesións que teñen lugar os sábados, ás 18,00 h.
Tamén Fóra se serie, unha das seccións habituais da filmoteca conta desta volta unha destacada presenza feminina, que nas vindeiras semanas lle achegará ao público traballos como Dios se llama mujer y se llama Petrunya, de Teona Strugar Mitevska, o día 15; Familia sumergida, de María Alché, o día 17, e Una gran mujer (Beanpole), de Kantemir Bagalov, o día 22, ademais do Oso de Oro da Berlinale de 2019: Sinónimos, de Nadav Lapid.
O CGAI acollerá tamén unha serie de sesións centradas en festivais galegos, como as dúas que lle dedicará mañá e o venres 11 á sección oficial do recente Festival de Cans do Porriño. Grazas a esta colaboración, poderá verse na Coruña a flamante triunfadora do certame: Xoves de comadres, de Noemí Chantada, xunto con Mare, de Guille Vázquez; Mentres iso pasa, de Nacho Ozores; Season, de Giovanna Lopalco; Blacks or Whites, de Anita Pico; 16 de decembro, de Álvaro Gago; El gran Corelli, de Abel Carbajal; Conte trencat, de Miguel Gago; Papá, por que quitas a música, de Ariadna Cordal; Reality, de David Fidalgo; Badaladas de amor e morte, de Iria Ares; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos, e Hijos del cuerdo, de Borja Santomé Rodríguez.
Ademais, a sección Diversimacine do Festival das Artes Inclusivas Diversdarte, organizado pola asociación Poten100mos, e a Mostra de Cinema Periférico (S8) desenvolverán catro sesións no marco da carteleira de setembro: os días 18 e 25 de setembro no primeiro caso, e o 29 e 30 no segundo.
Novos horarios e capacidade
A nova programación vén marcada pola aplicación do protocolo de seguridade para a aplicación das medidas de control sanitario vixentes na Coruña. Así, o CGAI adiantou o seu habitual inicio da temporada de proxeccións para concentrar as proxeccións nunha única sesión diaria, que se desenvolverá ás 19,30 h. de martes a venres e ás 18,00 h. os sábados.
Tamén como novidade, a entrada será gratuíta para todos os pases e a capacidade da sala limítase neste momento ao 50 por cento, anulando unha de cada dúas butacas para o mantemento da distancia de seguridade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.