Notas de prensa

Ibuprofeno Teatro estrea no Teatro Principal de Compostela 'O mel non caduca'

A compañía Ibuprofeno Teatro estrea a súa última montaxe 'O mel non caduca' no Teatro Principal de Compostela. Marián Bañobre e Avelino González son os protagonistas desta traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que poderemos ver o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro. 'O mel non caduca' é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista.

É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para rir e emocionar, 'hai moita ironía e moito humor no espectáculo, un humor reflexivo e crítico, por veces surrealista e moi relacionado co universo do clown. Rimos principalmente de nós mesmos e cuestionámonos como puidemos, como sociedade, ter chegado ata aquí', afirma Cortegoso.

A montaxe amósanos dúas tramas: dous científicos que en 2173 tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva e dous irmáns que se reencontran trala morte da súa nai para xestionar as pertenzas familiares. As dúas tramas compleméntanse con outros textos e con escenas de movemento escénico, nun espazo creado a partir do universo das abellas e composto por colmeas e outro material de apicultura.

Carmela Bueno no movemento escénico e na axudantía de dirección, Diego Seixo no espazo escénico, Davide González no espazo sonoro e Salvador del Río no deseño de iluminación completan o equipo. O resultado é unha mestura de claves, un espectáculo moi aberto que toma elementos do drama, da comedia, do clown, da instalación, do texto contemporáneo, que vai saltando do máis poético ao máis cru, do real ao onírico.

Integrar a escrita no propio proceso creativo

As ideas que deron lugar a 'O mel non caduca' xurdiron a raíz de varios Obradoiros de Creación Escénica que Marián Bañobre e Santiago Cortegoso impartiron en diferentes cidades e festivais, desde o 2013, arredor do tema da obsolescencia programada e do abandono dos espazos. Con esta proposta e despois de dúas montaxes a partir dun texto xa escrito ('Raclette' e 'Casa O'Rei') a compañía retoma os procesos de creación colectiva, que integran a escrita dentro do propio proceso de ensaios do espectáculo.

Tras case 10 meses de traballo nos que se lle deu moita importancia á fase de documentación previa ás improvisacións co equipo, Ibuprofeno Teatro estrea a súa sétima montaxe coincidindo cos 10 anos de vida da compañía. Ademais de en Compostela nos vindeiros
meses 'O mel non caduca' poderá verse en Ourense, Boiro, Vigo, Cangas, A Coruña e Narón.

Ibuprofeno Teatro, 2020-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES