//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollen ao longo de maio unha escolma de 18 filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán 26 proxeccións nos cineclubs destas cidades. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da colaboración entre a Xunta e os cineclubs Valle-Inclán, Padre Feijoo, Pontevedra e Lumière a prol da descentralización e dunha maior difusión entre o público das películas que conforman a carteleira da sala José Sellier da sede da cinemateca na Coruña. Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer.
A Xunta de Galicia celebra o Día dos Museos, o vindeiro martes 18 de maio, coa organización de múltiples actividades nos centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase dun conxunto de máis de 30 actividades presenciais e en liña que abranguen obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outros. Baixo o lema O futuro dos museos, recuperar e imaxinar escollido este ano polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), porase o foco na progresiva incorporación e transformación dixital nos museos galegos. As celebracións deste ano estarán marcadas tamén pola recente entrada en vigor da primeira lei galega que regula de forma autónoma e independente estes centros e que supón contar con eficaces ferramentas e cunha regulación máis detallada e precisa.
A sétima edición de Escenas do cambio −o festival de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura− arranca o vindeiro xoves, 20 de maio, concentrando nunha fin de semana longa (ata o domingo 23) un total de 11 propostas escénicas anovadoras, procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, O Reino Unido e O Xapón e para as que xa están as entradas á venda no web www.escenasdocambio.org. Estes catro días darán a posibilidade de coñecer obras que nunca antes se presentaran en Galicia, en total 10 das 11 propostas.
'Castelao grafista (facsímil)' é unha proposta que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao: textos, ilustracións, deseños, fotografías, publicacións, etcétera. O obxectivo é facelo máis visible internacionalmente e establecer unha rede de bibliotecas nas que se poida consultar e estudar a súa obra. Conforman a mostra 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas, 89 debuxos da serie Cousas dá vida e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais poderase ler o texto orixinal do Albún Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos libros de Castelao, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
Unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte da Fundación María José Jove chegan á USC a través da mostra Corpos presentes que poderá visitarse ata o 3 de xullo na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca. Dende Salvador Dalí, pasando por Chillida ou Tápies, esta exposición concibida para o Xacobeo 2021-22, está composta por trinta obras que desenvolven unha narrativa en torno ao corpo, convidando a repensar conceptos básicos da peregrinación con procesos místicos e espirituais implícitos tamén no proceso creativo.
O programa 'O país das bandas' levará a cabo preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro. Están chamadas a participar todas as bandas galegas, tanto federadas como non federadas, que suman preto de 5.000 instrumentistas, con recitais que se distribuirán por todo o territorio galego. Un terzo do programa será con obras de autoría ou temática galegas. O calendario de concertos que deseñará esta Federación complementará e enriquecerá a oferta cultural do Xacobeo 21-22, sumándose aos actuais circuítos e redes que xa están en marcha ou que se activarán proximamente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño ou FEST Galicia, entre outros.
Xulio Ríos, director do Observatorio de la Política China, vén de publicar na editorial Kalandraka un novo volume relativo ao xigante asiático con motivo do centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Ao longo das súas case 500 páxinas, abórdanse os diferentes períodos históricos que marcan a evolución do comunismo na China, xirando arredor das seguintes oito teses centrais: Primeira, os cen anos do PCCh (1921-2021) trazan unha liña de clara continuidade que abunda na transcendencia do ideal nacional como factor mobilizador principal na súa constitución e desenvolvemento, resolvendo moi inicialmente a súa relación paralela e controvertida co internacionalismo de matriz soviética.
A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.
Nesta edición o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva.
Un home con lentes de pasta preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra o vello desexo de escribir. Convidaran a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos, pero a quen non satisfán as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis e vai aproveitar que Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren e as súas vidas penden dun fío. Trátase dunha comedia negra que bebe de fontes moi diversas, como do cineasta Woody Allen ou do director teatral Alfredo Sanzol.
Visibilizar a cultura nun momento tan sombrío como o actual é un dos obxectivos de Alguén que respira!, o festival de poesía que se desenvolve no Teatro Principal de Santiago de Compostela entre o 19 e 21 de setembro. Aprazado en marzo por causa da covid-19, o respira! cambia o solsticio de primavera polo de outono pero conserva a súa esencia de servir como motor de reación poético, con cinco estreas e a presenza de máis de trinta de poetas.
O ciclo, promovido polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, celebrará tres concertos de 20 minutos en tres balcóns emblemáticos da nosa comunidade onde Susana, en solitario, repasará pezas significativas do noso patrimonio. A primeira cita será en Ribeira, o venres 11 de setembro, ás 22.15 h. Susana Seivane interpretará pezas vencelladas ao noso patrimonio musical, prestando especial atención á relación entre os temas e os lugares escollidos para celebrar os concertos.
O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a actividade pública do Salón Teatro co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir este día 9 este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro.
A USC aposta polas burbullas creativas, espectáculos de temática diversa e aforo reducido, para sortear sen riscos as limitacións derivadas da pandemia causada pola COVID-19 e dar continuidade así á ampla oferta de actividades culturais que, ano tras ano, achega á sociedade luguesa da man do convenio Lugo Cultural, no que a institución académica participa xunto co Concello e a Deputación Provincial de Lugo.
O pintor noiés Alfonso Costa propón unha reflexión profunda sobre o proceso creativo e a condición humana a través dos seus traballos dos últimos anos. Partindo do impacto causado polo desastre de Fukushima en 2011, cada un dos lenzos que integran a mostra Dentro do tempo convértense nunha metáfora pictórica sobre a transformación que o ser humano foi sufrindo a medida que a sociedade e a tecnoloxía avanzaron.
Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros. Este espazo musical desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración.
Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 23 ao 27 de setembro, presenta en rigorosa estrea española os títulos que conforman a súa sección oficial. Cinco filmes procedentes de Chile, Arxentina, Bélxica e Portugal, que se poderán ver por primeira vez en España despois dun percorrido exitoso por algúns dos principais festivais internacionais.
Play-Doc deseña a súa programación presentando primeiras obras de cineastas emerxentes ede realizadores xa consagrados.
Rendeuse homenaxe en Guitiriz a Ricardo Carballo Calero, abríndose a exposición 'Don Ricardo de Fingoi', dentro dos actos do Festival de Pardiñas, que organiza a Asociación Cultural Xermolos. Na inauguración interviñeron a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o Presidente da Asociación Xermolos e da Irmandade Manuel María, Alfonso Blanco Torrado; o Presidente do Instituto de Estudos Chairegos, Manuel Castro Santamariña, e o xornalista Xulio Xiz, que falou sobre os quince anos lucenses do profesor.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada por Museo do Pobo Galego, presentou hoxe a programación da súa décimo quinta edición, que finalmente terá lugar do 25 ao 29 de agosto tras o seu adiamento o pasado mes de marzo uns días antes da declaración do estado de alarma. Preséntase agora nun novo formato mixto, adaptado á situación, na que combina proxeccións e actividades paralelas tanto presenciais como en liña.
A MICE, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto en Santiago, estreará o documental Dorothé na vila de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A mostra incorpora o cinema ao aire libre, para gozar de filmes no Parque de Bonaval, no que se poderá ver Xoves de comadres de Noemí Chantada ou Las cinéphilas da arxentina María Álvarez.