Noticias

Os filmes premiados nos Mestre Mateo e ciclos de Rohmer e Rousseau centran a carteleira de maio na filmoteca de Galicia

A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.

Así, e grazas á colaboración emprendida coa Academia Galega do Audiovisual (AGA), o público terá ocasión de ver, o 19 de maio, o filme máis galardoado nos Premios Mestre Mateo, Ons, de Alfonso Zarauza, merecente de nove recoñecementos, entre eles o de mellor película. O día 20, exhibirase de novo Nación, de Margarita Ledo Andión, premiado como mellor documental e que foi preestreado na Filmoteca de Galicia en marzo. O sábado 21 será a quenda de Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, e de Carne, de Camila Kater, gañadoras como mellor curtametraxe de imaxe real e de animación, respectivamente. Nesta mesma xornada poderá verse a galardoada como mellor webserie, Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.

Oito filmes restaurados de Rohmer

Pola súa banda, o ciclo Esenciais: Eric Rohmer componse de oito títulos do cineasta e crítico francés nado en 1920 e finado en 2010. Trátase de filmes restaurados con motivo do centenario do máis vello dos membros da Nouvelle Vague e editor da publicación Cahiers du Cinema. Ao longo de maio poderán verse Mi noche con Maud, nominada a dous Oscar e singular amalgama de debate católico e verbalización da complexidade das relacións sexuais, os días 5 e 6, e La rodilla de Clara, símbolo dun cine que suma sensibilidade, capacidade emotiva, sutileza e ironía, o día 12. Ambas películas están integradas na primeira saga de Rohmer.

Tamén forman parte da programación do mes o vodevil amoroso Pauline en la playa, premiada en Berlín, prevista para o día 19, e El rayo verde, León de Ouro en Venecia a un relato de poesía e naturalidade onde o autor renova mecanismos, que es exhibirá os días 25 e 26.

Todo o rodado en Super-8 por J.C. Rousseau

O ciclo Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas representa a primeira mostra integral das películas en Super-8 do cineasta francés. Trátase de cinco filmes nos que asimilou con radicalidade as propiedades do formato para imprimir unha sensualidade ascética á filmación, a sonorización e a ensamblaxe dos seus cartuchos Kodachrome.

O día 27 será a proxección de Venise n’existe pas, Keep in touch, Jeune femme à sa fenêtre lisant une lettre e Les antiquités de Rome, e, o 28, de La Vallée Close. As dúas sesións completaranse cunha presentación e coloquio nos que participará o propio autor, Rousseau, e os comisarios deste ciclo itinerante, Carlos Saldaña e Francisco Algarín.

Ciclos en continuidade

Ademais, en maio continúan as proxeccións enmarcadas nos apartados Fóra de serie e Desencadres. Dentro do primeiro, o martes 4 exhibirase Vídeo Blues, de Emma Tusell, seguido dun coloquio virtual coa directora e, o venres 7, Ven y mira, de Elem Klimov. Completan a programación Josep, de Aurel, o día 11, e Lux AEterna, de Gaspar Noé, o 18.

Desencadres inclúe proxeccións de cine experimental arxentino, os días 13 e 14, e o filme Dog star man, de Stan Brakhage, o 15. Na Filmoteca Júnior poderá verse o día 8 ¡Lumière! Comienza la aventura, de Thierry Fremaux.

Finalmente, o 29 de maio terá lugar a primeira das sesións no marco da (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico.

R., 2021-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES