Notas de prensa

O CDG celebra o centenario do Salón Teatro de Santiago con oito concertos nos 'Mércores de varanda'

O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a actividade pública do Salón Teatro co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir este día 9 este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro.

Así, as seguintes citas do mes de setembro serán as protagonizadas por Hugo Franco e Claudia Abril (día 16), Emilio Rúa (día 23) e Xoán Curiel (día 30). Xa no mes de outubro, será a quenda de Susana Seivane (día 7), Sés (día 14), Dequenvessendo (día 21) e Sofía Espiñeira (28 de outubro). Todos os concertos terán lugar ás 20,30 h. e a entrada será gratuíta, previa retirada no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio das actuacións e ata completar a capacidade, que nestes momentos está restrinxida a 60 persoas de acordo coas medidas de control sanitario vixentes na cidade.

Seis dos devanditos intérpretes chegarán a Santiago a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das novas iniciativas postas en marcha este ano pola Xunta a través do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19, mentres que Hugo Franco e Sofía Espiñeira forman parte deste cartel como artistas convidados do corworking de emprendemento musical organizado en Padrón pola Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI).

Petisco musical desde o balcón

Cos Mércores de varanda, que darán comezo cun pequeno petisco musical de cada un dos artistas desde o balcón do Salón Teatro para continuar a actuación no escenario, o Centro Dramático Galego fai un xesto cara a un dos elementos máis característicos do edifico histórico no que ten a súa sede.

Reconstruído pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago en 1919, foi inaugurado o 30 de outubro de 1920 como sala de eventos e espectáculos para os seus socios. Tras diferentes usos, entre os que foi tamén sala de cinema, e despois de dúas décadas sen representacións, en 1996 a Xunta de Galicia adquiriu o inmoble co obxectivo de recuperalo como espazo escénico.

Foi en outubro de 1999 cando o Salón Teatro abriu de novo as súas portas para a estrea de Se o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, polo Centro Dramático Galego. Desde entón e como sede da compañía institucional, acolle a exhibición en Santiago de todas as súas producións propias, ademais dunha carteleira aberta ás diferentes disciplinas escénicas, entre outras actividades.

Centro Dramático Galego, 2020-09-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES