Noticias

A Xunta mobiliza máis de 250 millóns de euros en investimento empresarial a través do programa de Atracción de Empresas do Igape

O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

O programa deseñouse de xeito específico para responder ás necesidades das pequenas e medianas empresas polo seu papel determinante no emprego e na dinamización económica da comunidade. Os apoios financeiros cobren ata o 35 % do investimento no caso das pequenas empresas e ata o 25 % no das medianas.

Con estes recursos, as liñas do Igape facilitan dende a apertura de novos establecementos ata o aumento da capacidade produtiva existente, pasando pola diversificación do negocio ou a transformación dixital e tecnolóxica dos procesos industriais.

NoticiaProtagonismo industrial e equilibrio territorial

A industria manufactureira sitúase como o principal motor do programa, concentrando 41 dos proxectos aprobados. Entre as liñas beneficiadas destacan sectores de alto valor engadido como a automoción, o sector naval, a aeronáutica, o metal, a industria química, a madeira e a alimentación. Á súa vez, tamén se financiaron iniciativas pertencentes ao sector primario, a loxística, o comercio, o turismo e os servizos tecnolóxicos.

O informe presentado hoxe destaca ademais a implantación homoxénea destas axudas, que permitiron distribuír novos investimentos e oportunidades de emprego ao longo das catro provincias galegas, promovendo un desenvolvemento económico territorialmente equilibrado.

Unha estratexia integral de crecemento

A liña de Atracción de Empresas forma parte dunha batería de ferramentas máis ampla do Igape dirixida a fortalecer o tecido empresarial galego. Coa súa integración con outros instrumentos de innovación, internacionalización e financiamento, a Xunta reafirma o seu compromiso coa captación de capital, a xeración de emprego estable e a modernización sostible da economía de Galicia.

R., 2026-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES