Notas de prensa

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico volve do 25 ao 29 de agosto cun formato mixto e cinema ao aire libre

A MICE, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto en Santiago, estreará o documental Dorothé na vila de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A mostra incorpora o cinema ao aire libre, para gozar de filmes no Parque de Bonaval, no que se poderá ver Xoves de comadres de Noemí Chantada ou Las cinéphilas da arxentina María Álvarez.

A pandemia da COVID-19 forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto en Santiago de Compostela, e cunha fórmula mixta en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña.

A partir do venres 14 de agosto, poderase consultar na web da MICE a programación total desta 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. A información para a retirada de entradas e o aforo dos espazos estarán dispoñibles a partir do lunes 17 de agosto.

Cinema no Parque de Bonaval

Debido ás circunstancias actuais, a programación tivo que mudar e adaptarse á nova situación. Por iso, a organización optou por unha reducción da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego. Dorothé na vila percorre varios lugares de Galicia (Pedrafita do Cebreiro, Carnota, A Fonsagrada ou Tordoia), para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida.

Polo Parque de Bonaval tamén pasará Las Cinéphilas, da arxentina María Álvarez, documental coral sobre un grupo de mulleres xubiladas que aman o cine, que recibiu o Premio do Público no OUFF en 2017. E, por último, unha noite de curtas que proxectará De monstruos y faldas, da realizadora e docente Carolina Astudillo; Xoves de Comadres, de Noemi Chantada, que estreará en Galicia esta peza despois de pasar polo Festival de Málaga; e Santa Baia de Montes, a primeira curtametraxe da ourensá Sabela Souto, que recibiu o Premio Especial do Público no Festival Internacional de Curtas de Verín.

UNHA MICE SEGURA

A organización está comprometida coa celebración dun festival seguro para público e profesionais, aplicando os protocolos vixentes, establecendo controis de aforo, hixiene e distancia interpersoal. Ademais, dadas as dinámicas cambiantes na transmisión da COVID-19, a planificación do programa considera os distintos escenarios posibles, para ofrecer en calquera momento a opción máis segura e socialmente responsable.

Ampliación da mostra 'As pequenas cousas' ata o 20 de setembro

Como actividade paralela á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, pode visitarse a exposición ‘As pequenas cousas’, unha iniciativa de Mapas de Memoria. Esta exposición recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. 'As pequenas cousas' ten un núcleo orixinal formado por doce paneis e novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Estará aberta ao público de xeito gratuíto ata o 20 de setembro, en horario de 11h a18h de martes a sábado, e de 11h a 14h os domingos.

Museo do Pobo Galego, 2020-08-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Con esta decisión, procúrase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia. O obxectivo con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España, tras case once anos con Santiago Olmo á fronte da súa dirección. Como resultado do seu labor, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
Foto de la tercera plana (val-cuantico.jpg) O presidente da Xunta informou de que 'Galicia vai liderar un val especializado en tecnoloxía cuántica no que participarán nove países europeos' e que contará cun investimento de 14,3 millóns de euros. Rueda lembrou que a comunidade 'está a posicionarse como referente europeo' neste eido e asegurou que o feito de que Galicia lidere un proxecto 'nunha materia con tanto futuro é un reflexo da boa saúde da I+G+i galega'. A Comisión Europea acaba de conceder un novo proxecto de cuántica polo que a nosa Comunidade vai liderar un val de innovación, é dicir, unha iniciativa de colaboración entre rexións que destacan pola súa capacidade neste ámbito e que, grazas a este val, van conectalas para facer novos desenvolvementos e incrementar a soberanía da UE.

Notas

Artistas consagrados como Antón Pulido, Francisco Leiro, Manolo Moldes, Xaime Quessada ou Acisclo Manzano e outros noveis, son os e as autoras das preto de 300 obras de pintura, escultura, gravado e fotografía, e ás que tamén se sumarán vídeos, instalacións e audios, que integran a día de hoxe o Museo de arte da Universidade de Vigo. Localizadas ao aire libre, en escolas e facultades e en edificios administrativos dos tres campus, as 287 obras que integran esta recompilación do patrimonio artístico da UVigo nunca antes foran reunidas nun repositorio dixital.
O dixestato é o subproduto que xorde da descomposición anaeróbica da materia orgánica, é dicir, do proceso biolóxico natural onde microorganismos degradan a materia orgánica en ausencia de osíxeno. O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais traballa, a través do proxecto ReWoW (Revolutionizing the Waste of Waste), na transformación do dixestato nunha valiosa materia prima para unha nova bioeconomía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES