
Ademais, suporá a oportunidade de ver por vez primeira en España obras de artistas internacionais, como son a do bailarín xaponés Hiroaki Umeda con Intensional Particle e a do dramaturgo portugués Miguel Moreira, Romeo e Julieta, a partir de Prokofiev. Mentres, outras dúas pezas deste programa serán estreas absolutas: a performance da madrileña Ana Matey e o espectáculo colectivo de danza creado por seis das mellores bailarinas galegas: Nuria Sotelo, Begoña Cuquejo, Kirenia Martínez, Clara Ferrão, María Roja e Paula Quintas.
Precisamente, esta sétima edición consolida a aposta do festival pola danza e tamén polas creadoras e artistas mulleres, tal e como demostra non só a programación, senón a súa nova dirección, a viguesa Lola Correa.
Programa multidisciplinar, internacional e anovador
Completan este programa propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela co mesmo Robert Walser, nunha peza de Esteban Feune de Colombi e Marc Caellas, creador este último que repite no certame con Suicide notes.
Estas obras amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Salón Teatro da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.
A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, unha compañía creada por Brigitte Seth e Roser Montlló Guberna, que son á vez directoras e intérpretes: e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.
Esta programación internacional de Escenas do cambio non eclipsa outros dos sinais de identidade do festival: o de ser escaparate do que está a facer neste intre o sector galego. Así, o festival conta coa peza O deus do pop, de Diego Anido, actor con proxectos en solitario, coma este, pero que ten formado parte do elenco de compañías como a premiada Voadora. E tamén permitirá ver El diablo en la playa, dunha das compañías de Galicia co maior proxección, como é Matarile Teatro, quen ten pechado e anunciado unha produción co Centro Dramático Nacional.
Colaboracións
Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2021 conta con entidades colaboradoras galegas como o Centro Dramático Galego da AGADIC, a Secretaría Xeral de Igualdade, o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell, dentro da liña de estender a programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français, o Institut Ramón Llul e o Instituto Camões.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.