
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolle desde esta tarde e durante cinco semanas os traballos de gravación dos 50 concertos ao vivo de Galicia Emerxe, un novo programa musical creado pola Xunta de Galicia, que foi presentado hoxe polo conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, como parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Esta iniciativa, na que participan medio centenar de artistas e grupos galegos de moi diferentes estilos, conta cun orzamento de 500.000 euros destinados a dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva e a súa posterior difusión en liña.
Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros.
Acompañaron o conselleiro nesta presentación, que tivo lugar no escenario construído ex profeso para a súa instalación no Museo Centro Gaiás, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, así como dous dos artistas de Galicia Emerxe: o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a cantante Woyza, quen ofreceu a interpretación en directo de dous dos seus temas.
Intervención dos protagonistas
Este espazo musical, que conta coa implicación da TVG para a súa emisión, desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos.
Como destacou o conselleiro, as bandas e solistas foron seleccionados por unha comisión artística de entre as máis de 700 propostas recibidas, atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero. De aí, que contemos cunha escolma moi compensada en canto a estilos musicais, a presenza de artistas moi consagrados, dentro e fóra de Galicia, xunto a talentos emerxentes que xa están a dar moito que falar, e as seguintes cifras: 12 solistas femininas e 11 masculinos, e nove grupos maioritariamente femininos das 27 bandas que se subirán a este escenario, detallou.
Román Rodríguez fixo fincapé, así mesmo, no dinamismo que este tipo de iniciativas supoñen para o conxunto da industria musical. Así, ademais das 41 axencias de contratación galegas a través das que participan os 50 artistas seleccionados, Galicia Emerxe mobiliza 21 empresas de servizos musicais, así como máis de 20 técnicos de son dos propios grupos. Neste sentido, están implicadas áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente diante da actual situación, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.
Escolma de Galicia Emerxe
Os grupos e artistas que pasarán ao longo das vindeiras semanas polo escenario de Galicia Emerxe no Museo Centro Gaiás son, por orde alfabética: A Banda da Loba, Abraham Cupeiro, Alejandro Vargas, Ataque Escampe, Bala, Banda Crebinsky, Blanco Palamera, Boyanka Kostova, Budiño, Caldo, Dakidarría, De Vacas, Eladio y Los Seres Queridos, Faia, Familia Caamagno, Fernando Barroso, Furious Monkey House, Germán Díaz & Benxamín Otero, Ghost Beast, High Paw & Elephant Yards, Holywater, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Luar na Lubre, Marcos Teira, Margarida Mariño, María Toro, Mercedes Peón, Mounqup, Novedades Carminha, Pablo Lesuit, Pauliña, Presumido, Rodrigo Romaní, Santi Araujo, Sés, Silvia Penide, Son Trío, Sumrrá, Susana Seivane, Talabarte, Tanxugueiras, Terbutalina, The Soul Jacket, Triángulo de Amor Bizarro, Wöyza, Xan Campos Trío, Xoana, Xoel López e Zënzar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.