//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Sae á luz unha nova edición do catálogo Films from Galicia nunha edición dixital interactiva que recolle 63 producións e proxectos de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e foros internacionais do sector e cos axentes de vendas e distribuidores como principais destinatarios. Publicada en inglés, a selección de obras das que se ofrece información complementa o vídeo do mesmo título, que foi estreado durante a cerimonia de entrega dos XIX Premios Mestre Mateo e que terá unha versión de duración reducida para ser proxectada nas salas de exhibición cinematográfica de titularidade galega.
A Cidade da Cultura de Galicia impulsou unha iniciativa no marco do Día do Libro coa representación de As enxeñosas do Fidalgo, unha narración musicada para cativada da primeira tradución completa ao galego do Quixote, realizada por un equipo de lingüistas dirixido por Valentín Arias, do que formaba parte a súa filla, Xela Arias, homenaxeada coas Letras Galegas 2021. A coñecida contadora Soledad Felloza e a Banda Municipal de Santiago de Compostela foron as encargadas de pórlle voz e música no Xardín do Teatro do Gaiás a extractos da novela máis universal de Cervantes. A narración musicada, ideada para un público familiar, tivo como protagonistas á pastora Marcela, Tareixa Panza, Quitería ou Claudia.
O festival Bal y Gay 2021 comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea e en colaboración coa Schubertiada de Vilabetrán. Nesta primeira entrega levaranse a cabo tres concertos en tres etapas do Camiño do Norte. A primeira destas citas será o 14 de maio e correrá a cargo da pianista Judith Jáuregui, na Basílica de San Martiño (Foz). Na xornada do día 14 actuarán Cuarteto Cosmos e o violonchelista Fernando Arias na igrexa de Santa María, en Vilanova de Lourenzá. O último concerto será o día 16 na Catedral de Mondoñedo co tenor Christoph Prégardien e o pianista Daniel Heide.
Camiño Creativo celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de promover novos modelos de negocio e xerar riqueza e emprego no sector da creatividade ao tempo que se reactivan os sectores económicos tradicionais. Así mesmo, a iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén procura favorecer a cohesión social a través do diálogo intercultural, preparar á mocidade para asumir o liderazgo na economía creativa, promover a difusión de coñecemento, a creatividade e espírito emprendedor e impulsar unha educación cultural aberta á sociedade.
A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.
A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores.
A Filmoteca de Galicia estrea este mes a súa nova denominación oficial, baixo a que continuará desenvolvendo tanto o seu labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual como a actividade de exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña, bautizada co nome de José Sellier en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia. Nela programaranse 19 novas sesións ata finais de abril, entre as que se atopan os últimos filmes dos ciclos da cinemateca da Xunta sobre os icónicos cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai.
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.
A obra gañadora, 'Escenas, Imaxes e Sonidos do Camiño', editada por Galaxia en versións galega e en castelá, pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co Camiño desde diferentes ángulos culturais. O autor ofrece un texto elegantemente escrito, de sinxela e amena lectura, que captará a atención do público lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, galega, española e universal, a música sagrada e profana, o cine e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita desde unha visión global dun fenómeno como o Camiño de Santiago.
Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.
'Antropoloxía visual dunha sociedade confinada' está composta por 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar.
En 1986 nacía o Festival Noroeste Estrella Galicia como unha posta en valor das bandas locais. Co tempo, a cita foi ampliando fronteiras musicais ata facerse cun nome propio no panorama estatal e contar con artistas de talla internacional. Este ano marcado pola pandemia o Concello da Coruña optou por manter a cita reformulándoa cun cartel integrado por artistas galegas que, por outro lado, sempre estiveron presentes.
'Viae Ad Limina Sancti Iacobi' é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición sobresae pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade. A maiores, a caligrafía que acompaña ás obras plásticas ten o estilo propio do autor e enfía un interesante relato histórico que, á súa vez, estrutura a mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 31 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A profesora e escritora Charo Golmar presentou no compostelán Pazo de San Roque o seu último libro, Nobelo de luz, co que se estrea como poeta. Acompañouna o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou a obra como un canto á diversidade, tamén lingüística, á maior comprensión a prol de construírmos un mundo mellor para todas e todos. A presentación contou cunha lectura de poemas a cargo de Rosalía Morlán, Susi Arca e Loliña Chamadoira e cunha actuación musical de Manoele de Felisa e Begoña Blanco.
O Festival Internacional de cinema Play-Doc celebrarase na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, despois de ter que pospoñer a súa décimosexta edición por mor da crise sanitaria. A organización do certame está a traballar, xunto co Concello da cidade, no deseño dunha edición especial e diferente que garanta a seguridade do público, dos invitados e do propio equipo, facéndoo compatible co pleno goce da programación e as actividades que terán lugar este ano.
La Fura dels Baus contará coa participación de membros da centenaria Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos para o seu macroespectáculo deste mércores no Gaiás, NN (Nova Normalidade). Nel a compañía catalá salienta o papel do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá ás 21,00 horas o macroespectáculo, dirixido por Carlus Padrissa, e no que están implicados un cento de cantantes, bailaríns e actores.
A importancia da mestría e oficio deste xenio da arquitectura barroca propiciou que a Real Academia Galega decidise dedicar o Día das Artes Galegas deste ano á difusión da súa figura e traxectoria artística. Tendo en conta as especiais circunstancias na que se conmemorou esta data, o pasado 1 de abril a institución anunciou que ampliará a súa homenaxe ata 2021 e que levará a cabo unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade.
As paisaxes do Barbanza-Arousa converteranse en escenarios emblemáticos que acollerán música e narración oral. Paisaxes Sonoras nace coa intención de poñer en valor a riqueza da contorna buscando a asociación de cultura, identidade e patrimonio como reforzo do noso acervo. Así, as catro localizacións onde terán lugar as diferentes manifestacións artísticas, non pertencen ao circuito turístico máis recoñecido, senón que se caracterizan por estar vencelladas á poboación de xeito máis transversal.
Úrsula Heinze (Colonia, 1941) é unha escritora de orixe alemá afincada en Galicia desde 1977. A súa última achega literaria, Flashes, publicada por Edicións Fervenza, reúne case duascentas prosas breves en que a autora rememora con humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida. Son, en palabras da propia Úrsula Heinze, vivencias verdadeiras, os flashes iluminan distintas épocas do meu mundo e describen ambientes e persoas que me acompañaron ou que aínda hoxe están ao meu carón.
A escritora Guadalupe Gómez Arto, natural de Curtis (A Coruña), é a gañadora do sexto certame poético Rosalía de Castro 2020. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, reuniuse no salón de plenos da casa consistorial e acordou por maioría premiar a obra No encanto do aire, presentado baixo o lema Gong por Guadalupe Gómez Arto. Unha elección que se realizou tras varias votacións entre os traballos presentados nesta edición.